«O proceso», obra teatral sobre o xuízo a Curros Enríquez

malasombra

Esta comedia chega este venres 27 ao Auditorio Afonso Eanes do Cotón, da man de Malasombra Producións, a partir das 21:00 horas, dentro do que é a segunda proposta do ciclo de teatro do primeiro semestre de 2026 da Rede Galega de Teatros e Auditorios, na que Negreira participa por segundo ano consecutivo.

En 1880, o bispo de Ourense denuncia a Curros Enríquez por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.

A partir destes feitos históricos, Cándido Pazó constrúe unha peza teatral que, en ton de sainete cómico protagonizado por unha galería de personaxes populares do Ourense de finais do XIX, aborda con frescura e desenfado, pero con rigor e reflexión, a cuestión do hoxe en día chamado lawfare, así como outros temas (a lingua, a cultura, a identidade...) que seguen vixentes na actualidade.

Cándido Pazó escribiu e dirixe esta proposta que conta con Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carbajal sobre o escenario a darlle vida a once personaxes diferentes. A peza partiu da publicación do Consello da Cultura Galega e o Colexio de Avogados de Ourense, do proceso penal a Manuel Curros Enríquez (1880 – 1881), que recolle as actas oficiais do proceso canda a un prólogo e un estudo. O pasado mes de setembro, Celanova acollera tamén a estrea de O Rexurdimento do Divino Sainete da compañía LaGriot'te, que tamén trataba o xuízo a Curros.

Prezo: 5€ público en xeral e 3,5€ para carné xove e maiores de 60 anos

Público: adultos +14

Duración: 75 minutos