Negreira impulsa o consumo responsable de auga
O Concello de Negreira e Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo de augas, puxeron en marcha a campaña “A auga é vida. Aprovéitaa” co obxectivo de fomentar un consumo responsable e consciente da auga entre a veciñanza.
A iniciativa busca sensibilizar sobre a importancia da preservación dos recursos naturais. A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que se esperan para esta época estival, xunto co avance do cambio climático, teñen un gran impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos.
Para poder manter as reservas hídricas durante as épocas máis secas, é importante realizar un consumo eficiente da auga potábel.
En 2024, o volume de auga consumida polos veciños do Concello de Negreira foi de 409.653 m³. Isto supón unha media mensual de 34.138 m³/mes. Se nos centramos no consumo deste último ano, vemos que o seu valor máximo se acada na tempada estival.
O consumo no mes de agosto foi de 43.460 m³ e, polo contrario, o mes de menor consumo foi decembro, con 29.444 m³. Isto supón que durante o mes de agosto consumiuse un 47 % máis.
Por todos estes motivos, a campaña incide en pequenos xestos do día a día que poden marcar a diferenza, como:
-Pechar a billa no momento de enxaboar os pratos.
-Non tirar lixo polo inodoro nin aceite polo vertedoiro.
-Ducharse en vez de bañarse.
-Utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.
Tamén se recomenda moderar o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar xardíns. Ademais, aconséllase pechar a chave de paso de auga da vivenda en caso de ausencias prolongadas, como nas vacacións de verán.
Esta mensaxe difundirase a través de carteis colocados nos edificios municipais, nas instalacións do servizo de augas e tamén mediante as redes sociais e páxinas web do Concello e da concesionaria.
Espina & Delfín e o Concello de Negreira convidan a toda a cidadanía a sumarse a esta campaña e a colaborar activamente na protección dun recurso vital e cada vez máis escaso.