III Concurso Fotográfico da Muller Rural
O Concello de Negreira xa ten ás persoas gañadoras do Concurso Fotográfico de Muller Rural. A iniciativa, que vai xa pola súa terceira edición, busca recoñecer o papel e contribución destas mulleres na promoción do desenvolvemento agrícola e rural, na mellora da seguridade alimentaria e na erradicación da pobreza no rural.
Nesta ocasión, Marian Souto Casais fíxose co galardón na categoría maiores, dirixida a persoas de máis de 18 anos. Acadou o primeiro posto coa súa imaxe 'As Marías facendo rixóns na lareira'. Na fotografía vese a dúas mulleres (ás dúas Marías) elaborando esta receita do xeito tradicional baixo a atenta mirada de Leire, unha cativa.
Pola outra banda, Nuria Lourido Romar acadou o galardón no apartado de rapazada, para menores de 18 anos. Neste caso, logrouno con 'Incansable', na que a protagonista é, precisamente, a súa avoa, á que define como "unha muller incansable que segue cultivando as súas propias legumes e hortalizas". Como explica a autora na descrición que achega xunto á instantánea, grazas aos produtos da súa horta, "na súa casa fame nunca se pasou".