A Feira das profesións atraerá a 63 expositores

Feira das profesións

Promovida polos departamentos de Orientación dos institutos de Bertamiráns (Ames), Brión e Negreira, este ano tamén contará coa participación como centro convidado do IES de O Milladoiro. Desenvolverase no pavillón de Pedra Mámoa, o xoves 24 de abril e o evento reunirá a 63 expositores entre centros de Formación Profesional, as tres universidades, empresas e profesionais independentes.

A previsión dos organizadores apunta a unha participación superior ás 1.600 persoas. Pola mañá farano os estudantes dos catro centros en dúas quendas de aproximadamente setecentos alumnos por quenda que se desprazarán en autobuses ata o complexo deportivo negreirés. Pola tarde, de catro a seis e media, a feira abrirá as súas portas ás familias. Ademais, unha vintena de alumnos colaboran na organización mediante varios grupos de traballo.