Declarada a emerxencia cinexética polo xabaril na comarca de Barcala

porco-bravo

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), a orde que autoriza a emerxencia cinexética do xabaril nos concellos de Negreira e A Baña, así como noutras 39 comarcas de Galicia.

Nestas zonas permitirase abater ou capturar sen límite exemplares de xabaríns de ambos os sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade, e ampliaranse os períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética.

A medida entra en vigoe este sábado 12 de outubro e manterase ata o 23 de febreiro de 2025. Ademais, será posible abater crías e femias sucesivas de crías a condición de que haxa unha autorización especial previa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo con o establecido na lei de caza de Galicia.

Os cazadores terán autorizado o uso de medios auxiliares -como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou cebaderos de gran ou froitos colocados nos cultivos danados- que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas.

Nas comarcas con declaración de emerxencia poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar esperas e outra serie de medidas que complementen a actividade cinexética regrada e o control dos danos da especie establecida.

A falta dun censo oficial da especie a nivel autonómico, o incremento dos avisos e os datos de capturas obtidos, ao redor de 18.300 exemplares na tempada 2023-2024, xustifican esta decisión, segundo sinala a Xunta de Galicia.