Compostaxe doméstica

composteiro

O Concello ofrece composteiros e apoio técnico gratuíto para que a veciñanza con terreo poida transformar os seus residuos orgánicos nun recurso útil. Compre lembrar que a metade do lixo que se xera nos fogares está composto por materia orgánica. A súa correcta xestión resulta decisiva tanto para protexer o medio ambiente como para reducir os custos asociados ao tratamento dos residuos.

Co obxectivo de avanzar cara a un modelo máis sostíbel, o Concello pon en marcha unha campaña de compostaxe doméstica dirixida ás persoas que dispoñan dun pequeno terreo. A iniciativa inclúe a entrega gratuíta de composteiros e formación práctica, así como un servizo de asesoramento e seguimento durante todo o ano 2025.

Para participar activamente e reservar o material da campaña, habilitouse a web negreira.ocaminosostible.gal, onde tamén se pode consultar información sobre os servizos municipais de xestión de residuos. Ademais, a inscrición pode realizarse presencialmente no Concello ou a través do número de teléfono: 647 521 464.

As datas clave da campaña anunciaranse nas canles oficiais do Concello (Radio Negreira, RRSS e web). As persoas rexistradas recibirán tamén unha chamada telefónica para confirmar a súa participación nas xornadas de formación e entrega de material.

Esta actuación conta co financiamento da Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, a través dos fondos europeos NextGenerationEU.