A científica Olga Barca Mayo homenaxeada co Premio 8M
O Concello de Negreira busca recoñecer a labor e o papel das mulleres vinculadas ao municipio ao longo da súa historia. Nesta edición, a distinción recaíu en Olga Barca Mayo, xoven científica negreiresa que destaca por ter unha carreira brillante no ámbito da ciencia e da investigación a base de esforzo propio e traballo duro. Supón ademáis, un claro espello no que a rapazada, e especialmente, as mozas pódense ver reflexadas creando así referentes que, coma no caso de Olga, cheguen lonxe debido ao estudo e o talento.
Olga Barca Mayo comezou os seus estudos en Negreira, primeiro no CEIP O Coto e logo no IES Xulián Magariños (onde comezou a súa paixón pola Bioloxía). De aí, pasou á USC onde cursou o Grao de Bioloxía sobresaíndo nas súas cualificacións. Chegaría co paso do tempo entre outros, o Doutorado en Endrocrinoloxía sobre A Regulación da supervivencia dos astrocitos polas citoquinas involucradas na esclerosis múltiple, no ano 2008 (Sobresaínte “Cum Laude”) e bolsas tan importantes coma o Programa Postdoutoral Maire Curie e o Contrato Ramón y Cajal, así como estadías no extranxeiro (Chicago, Dallas, Genova…).
No ano 2020 comeza a súa andadura coma docente, papel que segue a desempeñar hoxe en día e é neste ano tamén, cando Olga se establece coma investigadora do CIMUS (Centro para a investigación da Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) liderando un grupo de traballo que ten os ritmos circadianos coma exe central. Cun currículum abraiante, con só 47 anos, a investigadora destaca a nivel non só nacional, se non mundial pola súa importante labor científica, fundamental para o entendemento das enfermidades crónicas así coma pola seu traballo divulgativo, en publicacións tan importantes coma Nature Comunications ou Cell Reports.
Por todo isto, e por representar a perfección o espíritu do Premio 8M, Olga Barca Mayo recibirá a IX distinción deste galardón, convidando a toda a veciñanza a arroupar a nosa científica e investigadora local no acto que terá lugar o venres, día 7 de marzo de 2025, no Auditorio Afonso Eanes do Cotón, ás 20:00 horas, con entrada de balde e que contará con numerosas actuacións e intervencións.