Abrimos inscricións do Campamento Urbano Respira

O Concello de Negreira abre este mércores 14 de maio o prazo de inscrición para o seu campamento de verán, o Campamento Urbano Respira, a desenvolverse nas instalacións do CEIP O Coto e dirixido a familias con menores de 3 anos (escolarizados) a 12 anos. As prazas son limitadas.
Requisitos de acceso ao servizo (poderán acceder ao mesmo sempre que se cumpran os dous requisitos):
- Familias empadroadas no Concello de Negreira.
- Familias nas que ambos proxenitores ou titores legais estean traballando ou en situación de busca activa de emprego ou formación laboral.
Para a adxudicación das prazas terase en conta a orde dos seguintes criterios recollidos no Regulamento do Programa Negreira Concilia (Madrugadores e Merendas), Diververán (BOP do 8 de marzo de 2022, núm. 45):
- criterio − Familias que aporten informe social que indique a necesidade do servizo en base a circunstancias socioeconómicas e familiares.
- criterio − Familias con fillos/as de mulleres vítimas de violencia de xénero.
- criterio − Familias monoparentais.
- criterio − Familias numerosas.
- criterio − Familias nas que algún dos proxenitores teña o seu posto de traballo no Concello de Negreira.
- criterio − Calquera usuario/a.
O campamento desenvolverase do 1 de xullo ao 31 de agosto, podendo as familias elixir as quendas que necesiten, quedando distribuídas da seguinte maneira co seu correspondente prezo público recollido na ordenanza (11 de marzo de 2022):
1ª quenda: do 1 ao 15 de xullo
2ª quenda: do 16 ao 31 de xullo
3ª quenda: do 1 ao 15 de agosto
4ª quenda: do 16 ao 31 de agosto
Documentación requirida:
- Modelo normalizado de ficha de inscrición
- DNI dos responsables do/a menor
- Libro de familia, sentenza ou resolución administrativa que acredite a relación xurídica
- Tarxeta sanitaria do/a menor
- Declaración do IRPF ou, no caso de non presentala, certificación negativa
- Xustificante bancario de ingreso do prezo público
- Xustificante da situación de emprego (informe de vida laboral, última nómina, pago do último recibo de autónomos)
- Xustificante da necesidade do servizo por incompatibilidade horaria (certificado de demandante de emprego, xustificante de busca activa de emprego, ou xustificante de asistencia a accións de formación laboral)
O horario do campamento será de 8:30 a 14:30 horas, e as familias poderán facer uso do servizo en función das súas necesidades, permitíndose entradas e saídas flexibles. Para o bo desenvolvemento das actividades programadas, recoméndase que aquelas familias que non vaian facer uso do horario completo incorporen aos nenos/as arredor das 10:00 h e os recollan a partir das 13:30 h.
Exencións e bonificacións
Segundo as circunstancias da unidade familiar, aplicaranse os seguintes descontos:
- Exención: A emisión dun informe social do departamento de servizos sociais que indique a necesidade do servizo e a inexistencia de posibilidades económicas para aboar o custo implicará a exención da cota.
- Bonificación: Cando asistan ao servizo varios irmáns/as de xeito simultáneo, o segundo e sucesivos terán un desconto do 50%.
O persoal técnico responsable do servizo poderá requirir outra documentación complementaria ou adicional que se precise.
As solicitudes poden presentarse de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello (https://negreira.sedelectronica.gal), ou de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello de Negreira, en horario de 9:00 h a 14:00 h, de luns a venres, do 14 ao 28 de maio.
Prezo: 100 €/mes; 50 €/quincena.