Este sábado 26 de febreiro, as rúas da capital do Val de Barcala recuperan o ambiente festivo co gran desfile de comparsas, carrozas e grupos do Entroido 2022 que comezará ás 18:00 horas coa saída dende o Campo da Feira, onde os participantes deberán concentrarse a partir das 17:00 horas. O percorrido do desfile será o seguinte: Carreira de San Mauro; rúa da Cachurra; avenida das Brañas; rúa Rosalía de Castro; rúa de Castelao e remate diante da Casa do Concello.
Un amplo dispositivo de seguridade formado polos axentes da Policía Local, e voluntarios de Protección Civil encargarase de velar polo correcto desenvolvemento do evento, que obrigará a cortar o tráfico ao longo do percorrido antes mencionado. Recoméndase non usar os vehículos entre as 18:00 e as 21:00 horas do sábado.
Ao remate do desfile, comezará a actuación musical da orquestra Miramar na carpa municipal da Praza do Concello, amenizando o Entroido para logo entregar os premios do concurso nas súas diferentes categorías, tralo fallo do xurado encargado de valorar aos participantes no desfile.
Nesta edición contamos cunha vintena de participantes: dez na categoría de individuais e parellas; catro, na de grupos; e sete agrupacións en comparsas con cadansúa carroza. Os seus lugares de procedencia: unha ducia de Negreira; A Baña; Vilagarcía de Arousa; Soutomaior; Arteixo; Ordes; Porto do Son, e Noia.
Pregón
O domingo 27 a partir das 13.00 horas contaremos coa presenza de Tonhito de Poi e Alberto Piñeiro, na carpa municipal da Praza do Concello.
Concurso infantil
O luns 28 de febreiro teremos o baile e concurso de disfraces infantil, na carpa da Praza do Concello, coa concentración a partir das 17:00 horas e comezo da actividade a partir das seis da tarde. A rapazada interesada deberá anotarse antes do concurso na propia praza.
O concurso de disfraces infantil contará con dúas categorías: nenos/as de 1 a 6 anos e, nenos/as de 7 a 16 anos; cos seguintes premios:
Grupo A (1 a 6 anos)
1º Cheque agasallo (valor 150 €)2º Lote de xogos didácticos3º Lote libro
Grupo B (7 a 16 anos)1º Cheque agasallo (valor 150 €)2º Tablet3º Reloxo intelixente
O servizo de telefonía móbil 5G de nova xeración na banda de 700 Mhz comeza a prestarse no concello de Negreira polas principais operadoras de telefonía móbil do mercado nacional. A través dunha fase inicial, as operadoras verificarán a calidade do servizo que mellorará a cobertura tanto en interiores coma en exteriores, ademais dunha mellora sustancial na velocidade de conexión a Internet, e servizos de TV, vídeo e música baixo demanda.
A mellora coa prestación deste servizo segundo trasladaron desde Llega700 ao Concello de Negreira, conlevará a aparición de determinadas afectacións na recepción do sinal de Televisión Dixital Terrestre (TDT) para os usuarios, xa que esta frecuencia de 700 Mhz empregábase anteriormente para o servizo de TDT.
No caso de chegarse a producir afectacións na recepoción do sinal televisivo, as operadoras móbiles habilitaron Llega700, para solventar as incidencias a través do número de teléfono gratuito: 900 833 999.
Trala notificación da afectación ao sinal de recepción da TDT por parte da veciñanza, un técnico desprazarase ao domicilio para realizar as comprobacións oportunas e o acondicionamento para solucionar a incidencia, sen coste algún.
O Alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, en nome da Corporación Municipal, quere expresar as máis profundas condolencias e o fondo pesar polo triste pasamento de Jesús Andrade Patiño, quen fora concelleiro do PSdG-PSOE entre os anos 1987 e 1999 sendo primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Deportes até o ano 1995.
O Concello de Negreira comunica que gardará un minuto de silencio na súa memoria, na vindeira sesión plenaria da Corporación Municipal e quere mostrar o seu pésame a familiares e achegados por tan triste perda.
D.E.P.
Ante as numerosas queixas veciñais e a actitude incívica dalgúns/as propietarios/as de animais no referente as deposicións dos mesmos na vía pública, xardíns, parques infantis, zonas de ocio ou incluso instalacións deportivas, recordamos a veciñanza a obriga de recollelos e limpar inmediatamente a zona afectada, incluindo farolas maceteiros, portais de vivendas ou de locais comerciais, ( artigo 11, REGULAMENTO DE MEDIO AMBIENTE, DE LIMPEZA PÚBLICA E RECOLLIDA DO LIXO do CONCELLO DE NEGREIRA):
· Os animais deben percorrer a vía pública e outros espazos, atados e con bozal si é o caso, dependendo da normativa ó respeto.· A identificación do animal mediante microchip é obrigatoria nos primeiros tres meses de vida ou un mes despois da súa adquisición.· O propietario/a ten a obriga de ter sempre a disposición todo o material necesario para a recollida das deposicións, incluida auga para limpar a zona usada.· A exposición á veciñanza de ditos excrementos, pode xerar un risco para a saúde, polo que compre evitalo.· As infraccións leves, como neste caso, poderán ser sancionadas con apercibimento e multa de ata 750 euros.
Polo tanto apelamos unha vez máis a colaboración da veciñanza para manter un pobo limpo, tendo así unha mellor convivencia en Negreira.
Para iso comezaremos cunha campaña de control e vixilancia por parte da Policía Local nos vindeiros días.
Debido aos traballos de ampliación e mellora do trazado que a Deputación da Coruña está a realizar na estrada provincial DP-5602 de Negreira a Pontenafonso, infórmase á veciñanza en xeral, que se procederá a un corte de tráfico necesario para continuar ditas obras, no treito entre Reibó (punto quilométrico 7+000), e a ponte de Barbazán (punto quilométrico 9+500); comprendido entre o xoves 17 de febreiro, e o 13 de agosto do ano en curso, habilitándose un desvío alternativo para vehículos de dimensións reducidas.
• O desvío en dirección Pontenafonso faráse desde Reibó (Liñaio), a través de Bellalta, Vilar de Ordoeste e Pedralonga, ata conectar novamente coa DP-5602.
• En dirección Negreira dende Lueiro, Barbazán, Xallas, Romarís e Porqueira; a través da DP-5602 por Pedralonga, Vilar de Ordoeste, Bellalta e até Reibó (Liñaio).
Pregamos desculpen as molestias que se poidan ocasionar, pero trátase dun corte necesario para o bo desenvolvemento dos traballos planificados pola empresa adxudicataria.
Páxina 6 de 223