DSC_0644.JPG

Existen tres lugares en Galicia que comparten o nome de Negreira, tal e como corroboran os especialistas en toponimia e segundo desvélanos o historiador e escritor barcalés, X. Amancio Liñares Giraut, de quen partiu a iniciativa de convocar un acto institucional, o sábado día 14 de setembro ás 18:30 horas, a representantes veciñais destas outras dúas Negreira, unha no municipio de Santa Comba e outra, no concello pontevedrés de A Estrada, a unha recepción oficial na Casa do Concello, cos seus respectivos alcaldes, e darlles un agasallo e establecer un «simpático» vínculo de irmadande, segundo sinala Amancio «porque só existen estas tres Negreira en Galicia», coma él mesmo recolleu despois de visitar e fotografar as outras dúas poboacións que comparten nome co noso concello.

 

A máis coñecida é a capital do Val de Barcala, cuxo topónimo define o concello (Negreira), e mais unha parroquia, a de San Xián de Negreira, que como ben di Amancio «tamén integra entroutros núcleos, a propia vila e máis unha aldea con este nome». A seguinte sería o lugar de Negreira, na parroquia de Santa María de Vilamaior, no concello veciño de Santa Comba, a cal lembra Liñares Giraut «conta cun célebre santuario». A terceira é última Negreira existente, atopámola na parroquia de San Miguel de Barcala, no concello pontevedrés de A Estrada «pero neste caso din A Negreira -con ese A diante-, que non usamos no topónimo propio, nin os barcaleses nin os xalleiros», segundo subraia Amancio Liñares, que tivo a ocasión de achegarse e fotografar as outras dúas Negreira, aínda que no caso da estradense defíneo como «un lugar con só tres ou catro casas, parras e campos de cultivo. Non ten letreiros que a identifiquen. Tivemos que preguntarlle á veciñanza, en terras que miran ó río Ulla, como na nosa Negreira barcalesa ollamos ó río Tambre e a Negreira de Vilamaior, está na contorna do río Xallas».

 

Programa

A convocatoria está fixada para as 18:30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello e inclúe, unha acollida musical que vai seguida da propia presentación por parte de Xosé Amancio Liñares Giraut. A continuación haberá unha charla coloquio impartida por Fernando Cabeza Quiles, filólogo e especialista en toponimia. Séguelle a intervención do secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, pechándose o acto coas intervencións dos tres alcaldes: Alberto Romar Landeira, por Santa Comba; Gonzalo Louzao Dono, por A Estrada, e finalmente, o rexedor municipal negreirés, Manuel Ángel Leis Míguez.

O acto institucional rematará coa actuación do grupo de música tradicional Os Garuleiros, na rúa do Carme.

 

 

powered by social2s