As brigadas municipais de Negreira e Ames comezaron hoxe os traballos de roza da maleza acumulada ás beiras do río Tambre, ao seu paso pola paraxe natural de Ponte Maceira, cumprindo así, cunha das primeiras medidas de cara á posta en valor deste encrave paisaxístico de gran beleza e, polo que cada día pasan centos de peregrinos na súa ruta cara Fisterra e viceversa.

 

Até Ponte Maceira desprazaronse os alcaldes de Negreira e Ames, Jorge Tuñas e José Miñones, respeitivamente, xunto cos concelleiros de Obras e Servizos, Manuel Ángel Leis Míguez e Blas García, de Negreira e Ames, respeitivamente.

O seguinte paso vai ser a limpeza da maleza que hai nas beirarrúas e na calzada da ponte, todo ilo, á espera de que unha empresa especializada en traballos en altura comece coa limpeza do propio viaducto, algo que agardan poida completarse nas vindeiras semanas.

Compre dicir que froito desta colaboración supramunicipal, o vindeiro venres 15 de xullo, vai ter lugar a segunda actividade do programa Noites en vela. Trátase da actuación de Xavier Díaz e mailas pandereteiras Maianas, a partir das dez da noite. A particularidade desta actividade nocturna e o encrave escollido polo Concello de Ames, sobre os penedos que hai no lado amiense e, para o cal instalarase unha pasarela que permita o acceso dos músicos até os penedos.

A terceira e última actividade do Noites en vela vai selo venres 19 de agosto, ás 22:00 horas coa actuación do cuarteto Tetramop, de música clásica e cando se vai repetir a experiencia do verán de 2015 co apagón do alumado público para prender as velas colocadas por toda a ponte e arredores. 

powered by social2s