vcn23 artistasconfirmados optimized 1

 A Delegación de Cultura presenta un avance dos artistas e datas confirmadas do Verán Cultural 2023 do Concello de Negreira, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña:

 

AILÁ (sábado 13 de maio) Este cuartero de música tradicional presenta unha proposta artística inspirada na recollida dos cantos de transmisión oral de Galicia. As súas cancións están pensadas para bailar e disfrutar da música galega dende un prisma moderno e contemporaneo.

 

Foron seleccionados para representar a Galicia no “Celtic Connection 2020” e ese mesmo ano gañaron o premio Interritmos.

En Negreira estarán acompañados pola BANDA MUNICIPAL ATENEO cun repertorio preparado para celebrar a Semana das Letras Galegas

 

SÉS (16 de xuño) Chega a Negreira o fenómeno musical dos últimos anos na escea galega. Diante un eco é o oitavo traballo discográfico da cantautora galega. Un título que fai referencia á concepción cíclica da historia, tristemente avalada pola deriva sociopolítica dos nosos días.

 

Diante un eco é tamén para SÉS unha volta aos inicios, pero desde o oficio e a madurez, e sobre todo desde unha visión alternativa da sofisticación, horizontal e intercultural. Unha sólida reafirmación na estética popular da que a cantora se considera amante e deudora, sen complexos e sen renunciar á calidade poética que a caracteriza.

 

SÉS, acompañada de toda a súa banda, voltará pisar as táboas dos principais escenarios de Galicia, do estado español e de Latinoamérica para presentar ao vivo este novo disco.

 

TREIXADURA (sábado 19 de agosto)  O grupo Redondelán formado en 1990 presenta un espectáculo musical único e sorprendente.

A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita. No seu percorrido  foi transformando o seu estilo, sen renunciar ao seu son característico. Fieis ao compromiso co seu público, tentando  elevar a música tradicional ao máximo nivel.

 

Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva.

 

LEILÍA (sábado 19 de agosto)  Foron as pioneiras en tocar a pandeireteira nos seus concertos desde os seus inicios alá polo verán de 1989. Dende os anos oitenta percorreron as aldeas galegas recompilando músicas e bailes tradicionais. Mercedes Rodríguez, Montse Rivera e Felisa Segade facían parte da agrupación compostelá Cantigas e Agarimos. Felisa impartía, ademais, aulas de canto e pandeireta en Cacheiras. Alí entrou en contacto coas irmáns Ana e Rosario Rodríguez, e con elas configurouse o grupo.

 

En 1994, cos froitos das recollas de campo, publicaron o seu primeiro disco: Leilía. Un álbum de pouso etnográfico que mudou o panorama da música galega de raíz, pois até daquela esta asociábase principalmente á gaita, e non existían grupos de pandeireteiras que actuasen por si propias, separadas das formacións folclóricas.

 

A este primeiro traballo discográfico seguíronlle outros catro, e multitude de concertos, espectáculos e recoñecementos, nunha longa carreira de máis de trinta anos.

 

Neste ano coa xira Vidas Cantadas, anunciaron a súa despedida dos escenarios, polo que Negreira será unha das últimas ocasións para disfrutar dun dos grandes referentes da nosa música tradicional.

 

powered by social2s