DSC 1495

O Concello de Negreira recoñece neste 2023 a traxectoria de María López Sández (Lugo, 1973), coa entrega do Premio 8 de Marzo na súa sétima edición. Este galardón naceu para recoñecer o traballo e o papel das mulleres vinculadas con Negreira ao longo da historia, xa consolidado como o acto central polo Día Internacional da Muller. A entrega terá lugar o propio mércores, día 8 de marzo, nun acto aberto á veciñanza que se vai celebrar no auditorio Afonso Eanes do Cotón, a partir das 20.00 horas.

 

Cartel 8M 2023

 

Ao longo de trece cursos académicos, María López Sández tivo un papel esencial á hora de preparar ás novas xeracións do IES Xulián de Magariños como mestra no instituto, onde foi quen de transmitirlles moito máis que coñecementos teóricos, deixándolles dúas calidades que forman parte da súa traxectoria vital e profesional: a súa vocación didáctica e a súa paixón pola literatura. Dúas características que a acompañaron ao longo de toda a súa carreira e que, hoxe, avalan o seu rol como catedrática en excedencia de ensino secundario, como profesora na área de Didáctica da Lingua e a Literatura e tamén como vicedecana na facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

 

Mestra, investigadora e tamén autora. Nesta última faceta, López Sández tamén despuntou, colleitando varios galardóns: en 2007, recibiu o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro pola obra Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio, no 2012 fíxose co Premio Repsol de Narrativa breve pola novela A forma das nubes e foi finalista do Premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia (2014) coa súa obra “O Faro escuro” e do certame Raíña Lupa (2020) con “A noite da Deusa”.

 

O uso das humanidades dixitais e os sistemas de información xeográfica para a xeración de mapas literarios son dous dos seus campos de investigación. Un ámbito ao que hai que sumar, ademais, unha terceira figura central: a de Rosalía de Castro.

 

O seu firme compromiso coa lingua e a cultura galegas desde unha perspectiva multidisciplinar supuxo o seu nomeamento, no 2022, como Académica Electa de Número pola Real Academia Galega.

powered by social2s