A Asociación de concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, na que Negreira ocupa a vicepresidencia, promoveu unha serie de actividades para promocionar o único roteiro oficial cara A Costa da Morte. A primeira, vai ser un ciclo de conferencias no Museo do Pobo Galego que comeza este venres 4 con Manuel Castiñeiras, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, ás sete da tarde. Por este ciclo pasarán expertos da talla de Antón Pombo, Manuel Vilar ou Francesca Riccio. O resultado das conferencias será unha exposición itinerante que pasará durante o mes de decembro polos concellos integradores da entidade: Ames; Negreira; Dumbría; Cee; Corcubión e Fisterra.
Entre os meses de novembro e decembro, desenvolverase un programa formativo dirixido ao sector hostaleiro e turístico dos concellos que integran a entidade (un curso de calidade e outro de inglés), e estáse estudando outra iniciativa orientada á creación de experiencias turísticas.
O curso de inglés vaise celebrar en Negreira. Dun total de 20 horas de duración, vai selos días: 9, 16, 23 e 30 de novembro, e mailo día 1 de decembro. O outro curso celebrarase en Dumbría, e é de calidade para establecementos turísticos, tamén de 20 horas. Os días: 10, 15 e 24 de novembro, e mailo 14 e 15 de decembro.
Trátase de formación gratuíta e con prazas limitadas, debéndose anotar o persoal interesado antes do venres, día 4 de novembro en: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., ou no número de teléfono: 620 399 515.
A asociación celebrará unha xornada de internacionalización dirixida a peregrinos de outras nacionalidades aloxados en Santiago, ademáis de convidar a turoperadores a unha xornada de familiarización sobre o Camiño de Fisterra e Muxía.