Proxecto cofinanciadas polo Fondo Europeo relativo ao mecanismo de Transformación e Resiliencia da UE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola UE NExt GenerationEU.
O Concello de Negreira a través do programa “Medramos reciclando”, vén de poñer en marcha un proxecto de compostaxe doméstica para toda a veciñanza, a través do cal, preténdese repartir 130 composteiros domésticos entre a cidadanía interesada, totalmente de balde, co obxectivo de xestionar os restos de comida xerados no noso fogar o convertelos nun ben moi prezado denominado compost.
O goberno local recoméndalle a veciñanza de Negreira que depositen os restos orgánicos xerados no seu fogar nos composteiros domésticos e que só depositen no colector verde a fracción resto. Deste xeito, axudaremos a mellorar a xestión de residuos do concello no seu conxunto. Este programa supón un investimento económico de 15.000 euros.
Por qué se debe compostar os restos orgánicos?
Algo máis da metade dos residuos que xeramos no fogar, arredor dun 60 por cento, están compostos por restos de comida e restos vexetais de poda e de horta. Toda esta materia orgánica pode ser reciclada por nós mesmos/as sen saír de casa e cun mínimo esforzo e tempo pola nosa parte e cos numerosos beneficios dende o punto de vista ambiental, social e económico que isto conleva.
Se o residuo non sae da casa xa non será necesario recollelo nin transportalo ata o punto de xestión, almacenalo e finalmente reciclalo. Aforramos emisións de CO2 do transporte e tratamento e o propio custo de xestionalo. Por outro lado, o produto final que obtemos é un fertilizante natural de excelente calidade con propiedades que melloran o solo e evitando a compra e uso doutros produtos químicos.
Os residuos orgánicos poden ser un grave problema medioambiental se non se xestionan correctamente. A súa descomposición sen control produce lixiviados (líquidos cunha alta concentración de materia orgánica) que contaminan solos, ríos e acuíferos e emiten gases de efecto invernadoiro como metano e dióxido de carbono.
Qué materiais podo compostar?
Pódense botar restos da cociña como froitas e verduras, carne e peixe, pan, legumes e cereais, ovos e cunchas de moluscos, froitos secos, pousos de café e infusións, panos e papel de cociña sen tinturas. Tamén se poden botar restos do xardín e horta como follas, flores, raíces e restos das colleitas, herba e palla, restos de poda triturados, cinza e serraduras de madeira sen aditivos, papel e cartón.
Baixo o slogan: “Negreira recicla. Medramos reciclando”, este programa pretende concienciar á poboación da importancia de xestionar os restos orgánicos para valorizar e obter un fertilizante natural de calidade.
Se queres participar podes facelo chamando ao número de teléfono: 981 885 250 ou mandando un correo ao seguinte enderezo: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.