O deputado de Promoción Económica na Deputación da Coruña, Blas García, acompañado do alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, visitou este xoves dúas obras realizadas por asociacións veciñais con financiamento da Deputación, a través das liñas de subvencións de Promoción Económica.
Coa directiva da Asociación de Veciños O Teleclub de Liñaio, o deputado e o alcalde supervisaron as obras de rehabilitación do muro do adro parroquial de San Martiño, onde contan cun dos locais dos que dispón a entidade, a escola unitaria de Liñaio, fundada por emigrantes da parroquia en Cuba en 1919.
Trátase dun antigo muro de mampostería situado no entorno da casa reitoral que se atopaba en mal estado de conservación e que agora loce completamente renovado grazas a un investimento de 35.000 euros, cofinanciado ao 80% pola Deputación.
Blas García e Manuel Ángel Leis destacaron a notable mellora que experimentou a imaxe do entorno, que continuará sendo mellorado este ano cunha nova subvención de 16.000 euros para a recuperación do hórreo existente na mesma zona, que forma parte do conxunto patrimonial coa igrexa e o cruceiro e que, segundo explicaron os veciños, configura un núcleo de referencia para os lugareños.
Melloras no local social de Xallas
Coa Asociación de Veciños de San Pedro de Xallas, tamén visitaron as obras de mantemento e cambio da cuberta do seu local social, xa que a anterior databa de 1998 e presentaba mal estado e desprendementos.
A cuberta do local foi substituída por unha nova de tella do país. Tamén se procedeu á limpeza a presión, reparación de gretas e pintado da fachada do local da entidade veciñal, que conta con case un centenar de socios e socias.
As melloras supuxeron un investimento de 16.764 euros, dos que a Deputación da Coruña achegou 12.740.