pontemaceira-bic.png

O Consello da Xunta vén de dar luz verde este xoves 19 de maio, ao Decreto polo que declara ben de interese cultural (BIC), na categoría de monumento, ao conxunto patrimonial de A Pontemaceira, entre os concellos de Negreira e Ames. Remata desta maneira un longo proceso iniciado no ano 2017 por iniciativa conxunta dos concellos de Ames e Negreira, quenes solicitaron este recoñecemento para acollerse a unha declaración contemplada na Lei do Patrimonio Cultural, do ano 2016.


Para a declaración de A Pontemaceira como BIC, a Xunta solicitou o ditame de órganos consultivos coma o Consello da Cultura Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e, a Real Academia de Belas Artes sobre o valor cultural desta infraestrutura histórica de enxeñería en pedra.


Todos os informes solicitados foron favorables ao recoñecemento, recalcando o seu carácter histórico e maila súa antigüidade, a súa influencia na configuración do territorio, a súa calidade construtiva e o estado de conservación, xunto coa documentación que demostra a súa autenticidade.


O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, congratulouse desta agardada nova: «Agardemos que sirva para outorgarlle unha maior protección e traballos de conservación, ante os danos na súa estructura por parte da Xunta, xa que tanto Ames como Negreira levamos pedíndolle unha intervención nos muiños, na presa e na ponte, que non acaba de producirse», indicou o mandatario municipal.


A declaración BIC inclúe no catálogo do patrimonio cultural unha trintena de hórreos, cruceiros e muíños, sometidos ao mesmo réxime de protección que o resto de inmobles que integran o conxunto, facendo do conxunto de A Pontemaceira unha paraxe natural e patrimonial, única do Camiño de Fisterra e Muxía.


O vello viaducto de pedra foi levando entre os séculos XIII e XIV polo poder eclesiástico de Compostela, e conserva a estrutura clásica medieval, aínda que o seu estado actual é froito da restauración acometida no século XIX para liquidar unha ruína documentada en 1792, que impedía a súa utilización. En 1987 sufriu outro desmoronamento parcial, acometendo a Xunta a súa restauración entre o 1991 e o 2001, con obras complementarias dos concellos de Ames e Negreira na súa contorna.

powered by social2s