Coa ausencia do alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, debido a un problema de saúde, foi a primeira tenente de alcalde, María del Mar García Vidal, quen asumiu a presidencia da Corporación Municipal no transcurso do Pleno ordinario de maio, no que este luns 9 aprobáronse por unanimidade, un total de catro ratificacións sobre modificacións técnicas a proxectos recollidos no Plan de Obras e Servizos POS+2022.
Os proxectos corresponden a: Aglomerado de vía entre a DP 5603 en Vilaserío e a DP 5604 en Pesadoira; Humanización do entorno da igrexa de San Martiño de Liñaio; Pavimentación e recollida de pluviais nas rúas Campos e Xulián Magariños; Aglomerado de vía entre A Chancela e a AC 447 na Barquiña, e maila reurbanización do camiño de Cancelo a Cobas.
Doutra banda, deuse luz verde ao proxecto de segregación de parcela onde se atopa o Centro de Saúde, na zona do Coto. O Partido Popular expresou o seu voto en contra por «dúbidas», entendendo que debería segregarse tamén a parcela onde se atopa o aparcadoiro aledaño ó centro sanitario. María del Mar García convidounos a despexar tales dúbidas na consulta cos técnicos municipais.
Por unanimidade, acordouse a cesión de caudal procedente de dous mananciais en Fonte Silvar, na parroquia de Cobas, a favor da Comunidade de Usuarios Agua de Fonte Silvar, e no punto 9º da orde do día, a solicitude de financiación á Deputación da Coruña para a execución da obra de saneamento e humanización da rúa Rosalía de Castro. O Partido Popular interesouse pola posibilidade de que o proxecto leve consigo, unha proposta para a adopción dun sentido único da circulación de vehículos, debido a que é unha zona escolar.
A sesión plenaria completouse coa aprobación inicial do proxecto de Orzamento municipal para o exercicio 2022 por un importe de 5.202.164,7 euros, cuxo incremento con respecto ao de 2021 é do 3,7%. O total de ingresos correntes ascende a 5.055.561,24 euros, do que en transferencias correntes o Concello prevé ingresar 2.556.721 euros. No apartado de gastos, os de persoal representan a maior partida con 2,6 millóns, mentres que en bens correntes e servizos representan 1.830.200 euros.
O Orzamento municipal foi aprobado cos seis votos a favor do equipo de goberno do Partido Socialista, e os cinco votos en contra, do grupo municipal do Partido Popular, que tras un amplo debate entorno á subvención do IDAE para a eficiencia enerxética do alumeado público, solicitou a través da edila, María José Carballo, que o orzamento quedase sobre a mesa para ser aprobado mais adiante, cando sexa aprobada a Conta Xeral de 2021 para coñecer con exactitude o montante de remanante financieiro co que o goberno pretende facer fronte ao desembolso económico derivado da subvención.
Pola súa banda, Rubén Suárez Carballo, portavoz do Partido Popular, teme que Negreira vaia a ter que agardar moito tempo en recibir o 80 por cento da subvención polo que debería pagar xuros se finalmente se decanta por solicitar un préstamo bancario para facer fronte a unha parte do montante.
No apartado de rogos, os populares solicitaron ao equipo de goberno que se acometan con urxencia, melloras no paso de peóns da rúa Fonte do Carme, escenario recentemente dun atropelo cunha veciña ferida, así como que na vindeira Semana Santa haxa unha proposta de actividades de conciliación para as familias.
En canto ás mocións, presentouse unha única polo PP para que se faga unha actuación de mellora da contorna da igrexa parroquial de San Xulián, sobre todo, recalcaron, nos seus accesos e á vista da complexidade e falta de aparcamento cando se celebran actos relixiosos ou festivos. A proposta foi aprobada por unanimidade.