O Ministerio para a Transición Ecolóxica subvenciona con 1,68 millóns de euros a renovación e mellora da eficiencia enerxética do alumeado público do municipio de Negreira, segundo salientou hoxe o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, durante unha visita ao noso concello, onde salientou a aposta do Concello por incorporar neste proxecto un sistema de xestión integral do mapa lumínico “que o sitúa á vangarda dos municipios de toda Galicia”.

 

Así, o delegado presentou hoxe en Negreira as liñas de axudas dispoñibéis para as entidades locais e habitantes dos municipios de reto demográfico, que financia o Plan de Recuperación do Goberno Central. E así o fai en Negreira, onde, a través de distintos Ministerios, “traballa na mellora das condicións ambientais e na dotación de servizos da internet de alta velocidade”, detallou Miñones, quen foi recibido polo alcalde negreirés, Manuel Ángel Leis Míguez e membros da Corporación municipal. O delegado estivo acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

 

 

O delegado destacou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica financia con 1,68 millóns de euros a renovación integral da iluminación pública municipal de Negreira, o 80% do custo total do proxecto. O Concello de Negreira asumirá o 20% restante ata sumar un investimento de 2,1 millóns de euros. Neste momento, o goberno local está a contratar a redacción do proxecto previo ao comezo da obra.

 

Esta actuación inclúe a renovación das 2.764 luminarias do municipio para a tecnoloxía Led e a renovación dos cadros de mando. José Miñones destacou que “grazas a estas actuacións o Concello de Negreira aforrará 125.000 euros anuais de factura da luz, ata un 70%, que poderá dedicar a outros servizos públicos, e reducirá o seu consumo enerxético nun 61%”.

 

José Miñones tamén anunciou que Negreira benefíciase da primeira convocatoria do Programa ÚNICO do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital para a extensión da banda ancha, “unha importante aposta do Goberno para que a conexión a internet de alta velocidade chegue de verdade a todo o territorio galego en igualdade”.

powered by social2s