Este sábado 26 de febreiro, as rúas da capital do Val de Barcala recuperan o ambiente festivo co gran desfile de comparsas, carrozas e grupos do Entroido 2022 que comezará ás 18:00 horas coa saída dende o Campo da Feira, onde os participantes deberán concentrarse a partir das 17:00 horas. O percorrido do desfile será o seguinte: Carreira de San Mauro; rúa da Cachurra; avenida das Brañas; rúa Rosalía de Castro; rúa de Castelao e remate diante da Casa do Concello.

 

Un amplo dispositivo de seguridade formado polos axentes da Policía Local, e voluntarios de Protección Civil encargarase de velar polo correcto desenvolvemento do evento, que obrigará a cortar o tráfico ao longo do percorrido antes mencionado. Recoméndase non usar os vehículos entre as 18:00 e as 21:00 horas do sábado.

 

 

Ao remate do desfile, comezará a actuación musical da orquestra Miramar na carpa municipal da Praza do Concello, amenizando o Entroido para logo entregar os premios do concurso nas súas diferentes categorías, tralo fallo do xurado encargado de valorar aos participantes no desfile.

 

Nesta edición contamos cunha vintena de participantes: dez na categoría de individuais e parellas; catro, na de grupos; e sete agrupacións en comparsas con cadansúa carroza. Os seus lugares de procedencia: unha ducia de Negreira; A Baña; Vilagarcía de Arousa; Soutomaior; Arteixo; Ordes; Porto do Son, e Noia.

 

Pregón

 

O domingo 27 a partir das 13.00 horas contaremos coa presenza de Tonhito de Poi e Alberto Piñeiro, na carpa municipal da Praza do Concello.

 

Concurso infantil

 

O luns 28 de febreiro teremos o baile e concurso de disfraces infantil, na carpa da Praza do Concello, coa concentración a partir das 17:00 horas e comezo da actividade a partir das seis da tarde. A rapazada interesada deberá anotarse antes do concurso na propia praza.

 

O concurso de disfraces infantil contará con dúas categorías: nenos/as de 1 a 6 anos e, nenos/as de 7 a 16 anos; cos seguintes premios:

 

Grupo A (1 a 6 anos)

1º Cheque agasallo (valor 150 €)
2º Lote de xogos didácticos
3º Lote libro

 

Grupo B (7 a 16 anos)
1º Cheque agasallo (valor 150 €)
2º Tablet
3º Reloxo intelixente

powered by social2s