O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, considera “prioritaria”, a construcción dun novo centro de saúde polo que demandou á Xunta de Galicia que “mentres non se faga, solucione os graves problemas que temos na atención primaria”, segundo reiterou o rexedor. Ángel Leis, acompañado por un técnico municipal, mantiveron unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente do Sergas en Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, para trasladarlles “as graves deficiencias que ten o servizo de atención primaria do centro de saúde, así como o PAC de Urxencias”.

 

“Os nosos veciños e veciñas coñecen de primeira man os problemas que temos, moitos deles de difícil solución pola falta de espazo físico no centro de saúde”, explicou o alcalde. Así, cita “falta unha enfermeira adxuntado servizo de pediatría por falta dun despacho, a matrona realiza as súas consultas nas dependencias do PAC de Urxencias e as nosas veciñas teñen que trasladarse ata o municipio de Brión, onde esta mesma matrona tamén consulta, para realizar a preparación do parto por non ter unha sala adecuada aquí”, sinalou.

 

O alcalde de Negreira asegura que tamén cóntase cunha traballadora social que comezou hai uns meses a prestar o servizo, durante tres días a semana e que tamén ten que realizar a consulta no PAC, tendo que marchar media hora antes para realizar a limpeza e traballos de desinfección antes de que chegue o persoal do PAC, polo que Ángel Leis lamenta este feito.

 

“A todo iso temos que engadir que a nosa sala de analíticas tamén se ubicou nesa zona de urxencias, co que o final está todo moi saturado, sen olvidar que en plena pandemia as salas de espera do centro de saúde son común para todos os servizos da atención primaria, interiores e prácticamente sen ventilación”, asevera Manuel Ángel Leis Míguez.

 

Alternativas técnicas

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña explicoulle no encontro que non tiñan contemplado este centro de saúde como prioritario para realizar melloras, pero que intentaría estudar posibles alternativas técnicas para atopar solucións. O técnico municipal que acompañou ao alcalde, manifestou que era “prácticamente imposible atopar solucións na actual ubicación pola ocupación da construción na propia parcela, e que dentro do propio centro non existe forma de modificar nin adaptar nada,xa que non cumpriría cos espazos mínimos esixidos e necesarios”.

 

Dende o Concello de Negreira ofreceuse toda a colaboración posible, poñendo incluso a disposición da Xunta posibles terreos para a construcción dun novo edificio, como xa fixeron noutros concellos limítrofes, e tentando buscar unha solución o máis efectiva posible para moito tempo.

 

O alcalde entregoulles unha memoria con planos e infografías e un estudo de detalle da nova construcción “coas necesidades que debíamos de cubrir, xa que o noso centro recibe usuarios de Negreira, A Baña e incluso Brión”. “Os servizos que podería albergar o novo centro son fisioterapia e rehabilitación, e un espazo de saúde mental con psicólogo, psiquiatra e traballadora social para o tratamento da depresión, adicións, intentos de suicidio e outros trastornos que necesitan dun apoio psicolóxico”, apuntou Leis Míguez.

 

“No noso concello tamén somos coñecedores da gran problemática que temos coa elevada detección de casos na Unidade de Atención Temperá, que realiza unha gran labor cos diferentes trastornos do desenvolvemento ou dificultades transitorias; un servizomoi beneficioso para as familias xa que non teñen que desplazarse a outros centros especializados para tratar os seus fillos”, engadiu.

 

Por último, o alcalde tamén lembroulle á Xunta que o Concello asume cada ano 70.000 euros “entre persoal de limpeza do centro de saúde, electricidade, gasoil de calefacción, materiais de limpeza e desinfección, e gastos de mantemento das instalacións”. O alcalde obtivo o compromiso de que a Consellería de Sanidade visitará o centro cos propios técnicos para valorar posibles alternativas, aínda que Leis Miguez recalcou que “a prioridade sería a construcción dun novo centro de saúde”.

powered by social2s