A área de Deportes da Deputación da Coruña organiza, entre o 14 de xaneiro e o 21 de febreiro de 2022, diversas viaxes á estación invernal de Valgrande-Pajares (Asturias), para impulsar a práctica do esquí entre a mocidade de 12 a 15 anos de idade dos concellos da provincia. Nesta nova edición, participarán 600 nenos e nenas de toda a provincia (100 máis que na anterior edición), que se repartirán en seis quendas de catro días de duración cada unha.
A mocidade de Negreira quedou encadrada na 3ª quenda, do 28 ao 31 de xaneiro, cando aos da Baña, Santiago de Compostela, ou Val do Dubra. As viaxes terán un custe de 85 euros e inclúen transporte, estadía de catro días na estación de Valgrande-Pajares, clases de esquí, monitores, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados. Terá prioridade na inscrición a rapazada que nunca fora a ningunha campaña de neve da Deputación.
Recoméndase aos e ás asistentes que leven consigo gorro, luvas, gafas de esquí e de sol, anorak térmico, pantalón impermeable ou similar, roupa de rúa e deportiva, chuvasqueiro, mochila pequena, útiles de aseo, pixama e crema solar.
Inscrición aberta ata o 14 de decembro
Para participar deberán rexistrar na Delegación de Cultura e Deportes, na Casa da Cultura, a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titor do solicitante, fotocopia da tarxeta sanitaria e do carné de identidade e copia do aboamento da cota de inscrición (unha vez a praza estea confirmada). O prazo para apuntarse xa está aberto e remata o 14 de decembro de 2021.No caso de que se soliciten máis prazas das dispoñibles, os concellos procederán a sortear as mesmas entre os e as solicitantes.
A ficha de inscrición e toda a información correspodente á Campaña de Esquí 2022 pódese descargar da web da Deputación da Coruña:
https://www.dacoruna.gal/deportes/esqui-2