A veciñanza de Negreira e comarca poderá asistir, de xeito gratuito, á proxección da primeira etapa do documental “Historias do Último Camiño”, este venres 24 de setembro, ás 20.30 horas, no Auditorio da Casa da Cultura (acceso pola Carreira de San Mauro). A peza está presentada por Brais Doval e producido por Vizuals Lab, e percorre o Camiño entre Santiago e Fisterra.


Este proxecto, un webdoc interactivo, forma parte do programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, e pretende mostrar a veciños e visitantes os lugares de interese da ruta, mais tamén todas aquelas historias que nacen ao seu arredor: iniciativas empresariais dos veciños, curiosidades e anécdotas, historias persoais de xente que “vive no Camiño”…
Na proxección deste venres 24 en Negreira, os asistentes visionarán os 15 primeiros minutos do documental, filmados na ruta entre Santiago e Negreira. Nesta primeira etapa, Brais Doval sae da capital galega para visitar lugares como o Alto do Sarela, a Ponte de Roxos, Trasmonte ou Pontemaceira, e desfruta tamén das historias dos veciños de Augapesada, visita as instalacións de Fisterra Bovine World e mesmo asiste aos ensaios do espectáculo orquestral “Xuntos polo Camiño”. 

 


“Historias do Último Camiño” é un proxecto documental interactivo que estará dispoñible na rede a partires do 30 de setembro. O usuario poderá escoller entre visionar o documental enteiro, ou acceder a pezas específicas sobre os diferentes lugares polos que pasa e ás entrevistas coa veciñanza, ademáis de ter contidos adicionais (mapas, audios, infografías…). En cada fin de etapa haberá unha xuntanza cos veciños par aproxectar as gravacións, e Fisterra será o lugar onde se celebrará un evento final, presentado por Brais Doval, para mostrar o documental completo. Porque non se trata só dunha ruta, facer o Camiño implica mergullarse nas súas paisaxes, na súa historia, na súa cultura e, sobre todo, na súa xente.

powered by social2s