NT

Dotar de persoal ás oficinas de turismo municipal, profesionalizar o sector e afrontar os retos de futuro nun momento de crise son os obxectivos da liña da área de Turismo da Deputación da Coruña pola cal se financia con 787.812 euros a contratación de persoal técnico en 59 concellos de provincia.

 

Esta liña responde "á aposta por un sector vital que está nunha situación de emerxencia e precisa planificar o seu futuro", segundo precisan dende o ente provincial para xustificar esta axuda que percibirán un total de 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, e que son os beneficiarios da liña de axudas.

 

O Concello de Negreira recibirá unha achega económica dun total de 10.000 euros para o mantemento do servizos de promoción turística e que neste ano marcado pola pandemia, aposta pola creación de roteiros de sendeirismo e a potenciación de roteiros como o dos Tres pazos que circunvala á vila polo paseo fluvial do río Barcala, pasa polos montes de Bergando e chega ata Ponte Maceira, regresando ao punto de partida pola ruta xacobea do Camiño de Fisterra, onde estanse levando a cabo traballos para a mellora da sinalización.

powered by social2s