negreira 1

A Deputación Provincial da Coruña avanza que licitará en febreiro a segunda fase das obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 5602 de Negreira a Pontenafonso, ao tempo que encargará un estudo técnico para determinar a mellor solución técnica e económica para ampliar a ponte de Barbazán ou construír un novo viaducto que garanta un ancho suficiente en toda a estrada.

 

Así, o acordaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e mailo alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, na reunión que mantiveron na sede da Deputación para abordar distintos proxectos de colaboración entre ambas administracións.

 

A ampliación da estrada Negreira-Pontenafonso, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, é un dos investimentos máis importantes programados para este ano pola área de Vías e Obras da Deputación, co que cumpre o compromiso do Goberno provincial de dar continuidade ao ensache e mellora do trazado realizado nos primeiros seis quilómetros da estrada e que supuxeron unha notable mellora da seguridade.

 

A previsión é que os traballos podan comezar a executarse este mesmo verán. Nesta segunda fase, as obras contemplan a ampliación da plataforma da estrada nun tramo de 2,5 quilómetros que vai dende o PK 6+105 ao 8+630, preto da ponte Barbazán, dotando ao vial dunha calzada de 7 metros de ancho e arcéns de 0,5 metros naqueles puntos nos que a liña de planeamento o permita. Levaranse a cabo tamén traballos de corrección de trazado nas curvas máis perigosas, acondicionamento de drenaxe lonxitudinal e transversal da vía e sinalización.

 

As obras rematarán moi preto da ponte de Barbazán, onde se estreita notablemente a calzada, o que ocasiona un problema de seguridade para o que o departamento provincial de Vías e Obras buscará a mellor solución encargando un estudo técnico que determine a mellor opción para ampliar anchear o vial neste punto.

powered by social2s