A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza programou para este domingo 17 de xaneiro, e a petición do Concello de Negreira, un cribado sanitario mediante probas PCR para un total de 775 persoas de sectores económicos coma comercio, hostalaría, talleres, e todo tipo de servizos, así como traballadores municipais.
O cribado levarase a cabo en horario de 9:00 a 20:30 horas, nas consultas de enfermeiría do Centro de Saúde (primeira planta), a través de dous equipos de enfermeiría desprazados a Negreira.
Todas as persoas anotadas previamente recibirán un SMS citándoas a unha hora concreta. Para unha mellor organización do dispositivo prégase á veciñanza que acuda á hora citada ou como máximo cinco minutos antes para evitar aglomeracións na entrada ás dependencias sanitarias.
Actualización de datos
Dende o Concello de Negreira queremos enviar unha mensaxe de ánimo e desexarlle unha pronta e boa recuperación, a aqueles veciños e veciñas que actualmente están diagnósticados coa enfermidade. Cómpre sinalar que a día de hoxe, venres 15 de xaneiro, son 26 os casos activos en Negreira, segundo informan as autoridades sanitarias. Na incidencia acumulada dos últimos 14 días, o Servizo Galego de Saúde (Sergas), informa hoxe de 28 contaxios detectados mediante Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA).