Foto xoguetes

O Servizo de Voluntariado do Concello de Negreira rematou a súa campaña solidaria de agasallos de Reis, para que ningún neno e nena do noso concello quedase sen o seu xoguete e agasallo pola festividade de Reis, baixo o lema: "Por un Nadal sen diferenzas".

 

A participación nesta campaña é anónima, polo que as persoas participantes recibiron unha carta na que unha nena ou un neno, pedía varios agasallos, mercando só un deles, dun valor igual ou inferior a 30 euros.

 

Segundo informou a coordenadora do Voluntariado, Laura Platas, a resposta da veciñanza foi "moito mellor do agardado", pois cubríronse todas as demandas "dun total de 38 rapaces e rapazas de ata 14 anos de idade" de familias con menos recursos.

 

Na recepción dos agasallos, que incluiron non só xoguetes, pois tamén a rapazada solicitou prendas de roupa e de deportes, ou mesmo libros; participou a concelleira de Servizos Sociais, María del Mar García Vidal, quen agradeceu "o importante e bonito xesto solidario feito polos adultos participantes na campaña", ao tempo que felicitou aos catro voluntarios e voluntarias que colaboraron na campaña.

powered by social2s