O pasado 30 de setembro comezou o Programa de emprego Mocidade 2020, promovido polo Concello de Negreira en colaboración cos concellos da Baña, Santa Comba e Val do Dubra, ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da comunidade autónoma de Galicia.

 

Concibido como un programa mixto de emprego e formación, está dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas de dezaoito ou máis anos incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

 

Do 26 de outubro ao 5 de novembro, no proxecto impartiuse a formación complementaria en materia de prevención de riscos laborais por parte dunha entidade de prevención autorizada correspondente á ocupación que o alumnado traballador vai desempeñar: Fábrica de albanelería e Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería (con 8 alumnos/as traballadores/as en cada unha).

 

O curso básico de PRL, de 60 horas de duración, foille comunicado á Fundación Laboral da Construción (FLC) para que ambas especialidades obtivesen a titulación oficial. A maiores, a especialidade de albanelería recibiu o curso de 2º ciclo de Prevención de riscos laborais específico e en xardinería o curso básico de Prevención de riscos no sector forestal.

 

A entidade de prevención que impartiu o curso proporcionoulle ao alumnado traballador para facer prácticas os equipos de protección individual adecuados, de maneira que probasen diferentes tipos de arneses, cascos, conectores e liñas de vida para unha colocación correcta dos diferentes equipos así como a través de exercicios de seguridade e posición.

 

A formación en prevención de riscos laborais é obrigatoria e imprescindible para que o alumnado traballador poida saír a realizar as obras. En concreto, son 45 as actuacións previstas nos catro concellos participantes do Programa de emprego mocidade 2020.

 

Realizada xa unha parte dos módulos de formación teórica de ambos certificados de profesionalidade, o equipo de Fábrica de albanelería comezou as prácticas de formigón e tabicado no campo de fútbol de Pedra Mámoa e o de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería está a renovar o invernadoiro no terreo da rúa Tedelle da Baña e tamén con actuacións de xardinería na zona do Parque do Coto, en Negreira.

 

O Programa de emprego Mocidade 2020 está subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e cofinanciado pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

 

powered by social2s