guadi 2020

O ciclo “As nosas músicas” achega ata Negreira a unha das mellores voces da música galega, a de Guadi Galego, que o sábado 22 de agosto, na Praza das Brañas, estará acompañada polas cantareiras As Maianas. O concerto comezará a partir das 22:00 horas con entrada de balde ata compretar o aforo do recinto.

 

A cantante “indie” é unha das artistas máis relevantes do país, froito dunha carreira musical que a de Cedeira comezou coma solista, pianista e gaiteira dunha banda como Berrogüetto e, que logo continuou con Espido e máis tarde con Nordestin@s ata emprender a súa traxectoria en solitario, a partir do ano 2009.

 

Guadi Galego interpretará temas do seu último traballo “Immersion” (Boa Records, 2019), una homenaxe ás linguas que se falan na península Ibérica como un canto á diversidade e a tolerancia, no que canta en sete idiomas. Este traballo inclúe once versións de temas xa publicados de Guadi e unha canción inédita. O disco conta con varias colaboracións con outros cantantes como Iván Ferreiro ou Andrés Suárez.

 

Acredita grandes premios e entre os últimos destacan o Premio da Crítica de Música Galicia 2015, ou o Premio Martín Codax 2016 en canción de autor ou o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado 2020, concedido polo seu último traballo "Immersion".

 

As Maianas

Este grupo de cantareiras ten o seu xérmolo no Obradoiro de baile e música tradicional do Concello de Ames. No ano 2007 crean a formación actual e catro anos despois editan o seu primeiro traballo: "Como canta".

 

Ao longo da súa traxectoria musical acadan varios premios musicais, coma no concurso de Novos Valores promovido polo Festigal. No ano 2019 sae á luz o seu último traballo: "De Trisca", un CD feito con moito mimo e cariño nas pezas que o compoñen.

powered by social2s