O Concello de Negreira, grazas á inscrición do IES Xulián Magariños, vai participar no Club de debate por segundo ano consecutivo. Esta actividade de dinamización lingüística está promovida entre varios concellos de Galicia e pretende impulsar o uso oral do galego entre a mocidade e consolidar foros de discusión.

Trátase dunha competición deportiva na que o alumnado participante de 3º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato defenderá, con argumentos, unha postura a favor e outra en contra sobre un tema controvertido, escollido con anterioridade.

 

O Club de debate constará de varias fases clasificatorias e dunha final. Antes hai que participar nunha xornada de formación. Para a zona de Ames, Negreira, Rois, Santiago e Teo, a formación será este xoves 28 de xaneiro no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns (Ames), en horario de 9.30 a 13.30 horas. Con esta formación, na que debe participar cando menos algún membro de todos os equipos inscritos (Ames, Negreira e Teo), preténdese orientar a práctica das habilidades comunicativas.

 

O IES Xulián Magariños de Negreira vai participar nesta formación con dous equipos: un deles está composto por alumnado de 4º de ESO e preparado polo profesor Cipriano Núñez Rodríguez. O outro está formado por alumnado de 4º de ESO e de 1º de Bacharelato e preparado pola profesora María Blanco Crespo.

 

Negreira acollerá, o vindeiro 8 de abril, a fase de zona na que van participar os equipos mencionados na citada formación. Os participantes defenderán nun debate a postura a favor e noutro a postura en contra sobre un tema que os equipos coñecerán con antelación. Desta confrontación sairán os clasificados para a fase final que será, nesta edición, na cidade de Pontevedra.

powered by social2s