Os alcaldes solicitaron unha xuntanza urxente de cara a coñecer os detalles do procedemento da licitación do servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estradas, toda vez, que o proceso de licitación das novas liñas de transporte metropolitano da área de Santiago de Compostela está aberto para a presentación de ofertas dende o pasado 15 de xaneiro ata o 21 de febreiro
Dito procedemento púxose en marcha sen terse practicada notificación algunha aos concellos afectados, e coas notificacións das resolucións das alegacións con posterioridade. Considerase fundamental concertar unha xuntanza para coñecer toda a información relevante dun servizo tan importante como é o do transporte metropolitano nestes concellos.
O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Mobilidade de Teo, Iría Otero, o alcalde de Brión, José Luís García, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o alcalde de de Negreira, Manuel Ángel Leis, acaban de remitirlle unha carta ao director xeral da Dirección Xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro Saavedra, solicitándolle unha xuntanza urxente de cara a coñecer os detalles do procedemento da licitación do servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estradas.
O proceso de licitación das novas liñas de transporte metropolitano da área de Santiago de Compostela está aberto para presentación de ofertas dende o pasado 15 de xaneiro ata o 21 de febreiro. Dito procedemento púxose en marcha sen terse practicada notificación algunha aos concellos afectados, e coas notificacións das resolucións das alegacións con posterioridade.
Estes cinco concellos da área de Compostela demandan maior información por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, especialmente no referente ás alegacións presentadas das que os Concellos non teñen coñecemento algún.
Os concellos informan que a publicación dos anteproxectos de explotación para a información pública tivo lugar a finais do mes de xullo cun prazo de alegacións que coincidía en pleno mes de agosto con moitos dos técnicos das Administracións en período de vacacións, o que propiciou que moitos deles non puidesen presentar alegacións.
Reunión previa
Ademais, os concellos recordan que na xuntanza da Comisión de Seguimento do mes de marzo de 2019 a Delegación de Mobilidade comprometeuse a reunirse cos concellos previamente á publicación dos anteproxectos, tal e como quedou recollida na acta, sen que ditas reunións tivesen lugar.
Todos reiteran a necesidade da posta en funcionamento deste agardado servizo, que se esperaba que estivese en marcha para finais de 2019 e que agora se atopa máis preto co proceso de presentación de ofertas.