Por terceiro ano consecutivo, o cartaz das festas de Entroido de Negreira leva a sinatura do recoñecido deseñador e enxeñoso humorista gráfico, Luis Davila. Un Entroido no que dende o venres 21 ao luns 24 de febreiro, sobresae a actuación da orquestra La Fórmula, a noite do venres na praza do Concello, e mailo prato forte co desfile de carrozas e comparsas da tarde do sábado.
Deseñador gráfico pola Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso, da Coruña; Luis Davila é o autor dun bo número de sorrisos diarios a través das súas tiras de humor O Bichero e O Fotomatón, nas páxinas do xornal Faro de Vigo, pero tamén fai cavilar aos seus lectores, porque coma él mesmo dí «debuxar é a miña voz, é o meu altofalante, e o meu xeito de expresarme. Recoñece que O Bichero «ten na idiosincrasia galega o seu éxito», e que vivir en Galicia «é a miña inspiración, aparte da actualidade diaria. Esta actualidade mestúroa coa nosa maneira de ver a vida. O xeito en que os galegos se toman as cousas está reflectido na miña tira».
Programa
As actividades arrincan o venres 21 de febreiro ao mediodía co desfile dos nenos e nenas da Escola Infantil Municipal. Pola noite, a Praza do Concello vai selo escenario que acolla o espectáculo musical da orquestra La Fórmula, liderada por Peke Moreira. Serán máis de catro horas de música e sorpresas cun avance da nova xira: La magia existe.
O gran desfile de comparsas é o prato forte, na tarde do sábado 22. Comeza ás cinco da tarde no Campo dá Feira e dará un colorido especial ás rúas da vila ata concluír na Casa do Concello. Haberá premios de 1.000, 600, 300 e 150 euros, para os catro primeiros en comparsas e carrozas, respectivamente, así como dous áccesits de cen euros. Os grupos: 250; 150 e 100, e os individuais: 150; 100 e 50 euros. O grupo Atenas amenizará a verbena na praza do Concello, coa posterior entrega de premios.
Bailes de disfraces
O domingo 23 a partir das sete da tarde haberá baile de disfraces para os maiores, que este ano celébrase na carpa da praza do Concello, con música en directo e premios ás mellores caracterizacións. E o luns día 24, é a quenda para os máis pequenos cun baile de disfraces e xogos inchables, desde as cinco da tarde, no pavillón do CEIP O Coto.