A caseta de turismo do Concello de Negreira pechou a tempada 2019 este mércores, 15 de outubro. O punto de información turística, situado na avenida de Santiago ao paso do Camiño, pecha a tempada 2019 con 7803 persoas atendidas en arredor de 6 meses, nos que mantivo un horario de apertura de 11 a 14 h e de 16 a 19 h tódolos días.

 

En abril o total de persoas foron 735, cun 54% procedentes do estado español, seguido en importancia por Portugal, Alemaña, Italia e Francia. En maio atendéronse 1045 persoas, cun 32% procedentes do conxunto de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal. En xuño pasaron pola caseta 1381 visitantes, cun 42% do conxunto de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal. En xullo, foron atendidas no punto de información 1182 persoas, das que o 53% ven de territorio español, seguido de Italia, Francia, Alemaña e Irlanda. En agosto, 1608 persoas solicitaron información turística, cun 59% de España, seguido en importancia por Italia, Portugal, Francia e Alemaña. En setembro foron atendidos na caseta de turismo 1301 visitantes, cun 48% de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal. Na primeira metade de outubro, 551 persoas recibiron información turística. Cun 45% de España, seguido de Italia, Portugal, Francia e Alemaña.

 

A gran maioría dos visitantes solicitan información sobre o Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía e piden o selo da credencial; tamén adoitan buscar aloxamento, onde destacan os albergues públicos, información sobre medios de transporte e que ver na nosa contorna, así como determinados servizos.

 

Os países emisores que máis presenza adoitan ter despois de España son Italia, Alemaña e Francia e Portugal, mentres que entre as provincias quen máis nos visitan son Madrid, Barcelona e a propia provincia da Coruña.

 

Preto do 90% das persoas atendidas son peregrinos que chegan a pé facendo o Camiño; o resto de visitantes repártense entre os que fan o Camiño en bicicleta e as persoas que viaxan en medios de transporte a motor, como algunhas excursións de grupos que chegan á vila de Negreira.

 

Por outra banda, o Albergue de Peregrinos de Negreira continúa aberto durante todo o ano, de xeito que a previsión de ocupación para este ano 2019 é a de alcanzar os 5000 peregrinos aloxados. Coma tódolos albergues da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia, abren tódolos días as súas portas ás 13h e teñen un prezo por persoa de 8 €, establecido pola Xunta de Galicia.

 

powered by social2s