Foto Vox

Camiño de Cantares é unha iniciativa promovida pola Asociación Cultural Ciclo de Música Barcia de Mera, co obxectivo de promover o coñecemento e difusión da música vocal na contorna da cultura xacobea, levando concertos a localizacións significativas histórica e artísticamente de todos os roteiros do Camiño de Santiago en Galicia. Todos os concertos son de entrada libre ata completar aforo, xa que está incluido no programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, e conta co apoio da cooperativa CLUN.

 

O coro de cámara compostelán Vox Stellae, do que forma parte o xoven compositor negreirés, Marcos Mato Collazo, abre os seus concertos de Camiño de Cantares este venres 11 de outubro, ás 20:30 horas, na Capela do Pazo do Cotón. Precisamente, unha das pezas que soará é obra súa e, vai ser estreada nesta actuación de Voz Stellae, coro de cámara que está dirixido por Luís Martínez, e que interpretará obras de Handl, Brito, Leopolita, Morais, Palestrina, Vitoria ou Benayas nun programa titulado In festo Sancti Jacobi, que reúne composicións realizadas para as solemnidades de Santiago o Maior: a do 25 de xullo, que conmemora o seu martirio, e a do 30 de decembro, que conmemora a translación dos seus restos.

 

Non só se trata de difundir, investigar ou interpretar o xa escrito, senón tamén de estimular a composición contemporánea de música relacionada coa cultura xacobea, é por iso que Camiño de Cantares encargou dúas obras vocais ao xoven compositor galego Marcos Mato, que estrean as agrupacións Vox Organalis e Vox Stellae.

powered by social2s