Existe un descoñecemento xeneralizado da realidade de españois e galegos nos campos de concentración e de exterminio nazis. Por estes motivos, a ARMH (Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica), organiza en colaboración co Concello de Negreira, a exposición sobre Francesc Boix, preso de Mauthausen e fotógrafo catalán que axudou a documentar coas súas fotografías o horror sufrido nos campos nazis e de gran utilidade como proba no xuízo de Núremberg. Esta exposición está acompañada do vídeo documental Boix, fotógrafo del infierno.
A exposición inaugúrase o luns 8 de abril ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Negreira. Interveñen: Jorge Tuñas Caamaño, alcade de Negreira; Carmen García-Rodeja, investigadora galega da ARMH, e familiares dos deportados. Incluirá a actuación do grupo Na quinta.
Complementa a exposición o visionado da película: El fotógrafo de Mauthausen, e maila conferencia de María Torres: A investigación sobre os deportados ós campos de concentración nazis, o mércores 10 de abril, ás oito da tarde.
A investigación sobre Boix
A exposición de Boix serve para soporte á investigación da ARMH sobre os deportados galegos. Un grupo de colaboradores da Asociación Para a Recuperación da Memoria Histórica está traballando para sacar á luz as historias de tantos homes e mulleres que desde Galicia acabaron nun campo de exterminio, principalmente en Mauthausen. O arduo traballo consiste en localizar a documentación, dispersa en diferentes arquivos, e localizar ás familias co obxectivo de homenaxear a estas persoas tal como se fixo en toda Europa. Sacar do esquecemento e honrar a tantas persoas é un dos obxectivos do traballo da ARMH.
Os datos dos deportados
En España, dos que hai constancia documental, foron deportados 9.328 prisioneiros, morreron 5.185 e sobreviviron 3.809. Representan unha taxa de mortandade do 59%.
Mauthausen e os subcampos que dependían del recibiron o maior número de prisioneiros españois. Deportados 7.532, morreron 4.816. Representa unha taxa de mortandade do 64%. A maioría morreron en Gusen, subcampo situado a 5 quilómetros de Mauthausen. A el irían 5.266 españois, 3.959 morreron.
Dachau e Buchenwald recibiron a uns 1.100 españois dos que, polo menos, 500 morreron ou foron dados por desaparecidos. e Ravensbrück foi o campo das mulleres. Por el pasaron unhas 170 españolas das que faleceron, polo menos unhas 14.
Tamén houbo españois noutros campos como: Bergen Belsen, Auschwitz, Flossenbürg, Natzweiler, Neuengamme, Sttuthof, Sachsenhausen, Gross- Rosen, Aurigny, Guernesey e Neu Bremm.
En Galicia, foron deportados 179 prisioneiros e faleceron 106. Representan unha taxa de mortandade do 59%.
Provincias:
A Coruña: 78 deportados deles 46 falecidos.
Lugo: 42 deportados deles 30 falecidos.
Ourense: 30 deportados deles 20 falecidos.
Pontevedra: 33 deportados deles 22 falecidos.
Cartel completo: