O Concello de Negreira aprobou a nova proposta para impulsar o emprego entre mozos e mozas da zona. No pleno ordinario do pasado luns 11 de marzo, deuse luz verde de forma unánime á solicitude dunha subvención á Consellería de Política Social para poñer en marcha un maior número de accións dirixidas á mocidade. O plan pretende mellorar a formación, o emprendemento e a ocupación da xuventude, así como fomentar a participación xuvenil no ámbito municipal e promover a educación non formal.
Esta proposta presentarase conxuntamente co Concello de Val do Dubra, co cal Negreira comparte necesidades nun espazo limítrofe, e co que xa colaborou anteriormente nesta materia obtendo uns bos resultados. “Cremos que é importante para ambas as administracións cooperar, como o fixemos ata agora, para levar a cabo labores locais que permitan a inserción da xente nova no mundo laboral”, explicou o alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño.
A iniciativa, que estaría enmarcada dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX), inclúe formacións en novas tecnoloxías, idiomas, prospección empresarial, así como obradoiros para mellorar as habilidades nunha entrevista, entre outras accións. Todas estas actuacións están dirixidas a facilitar a inserción laboral deste sector da poboación.
Medidas para o Xacobeo 2021
No pleno tamén se aprobou a colaboración entre os Concellos de Negreira, A Baña e Val do Dubra, na solicitude conxunta das axudas para levar a cabo o proxecto “Val de vales, unha peregrinaxe polos sabores, o patrimonio e a natureza dos vales da Barcala e Dubra”. Un plan que forma parte do programa de dinamización do Xacobeo 2021 na zona.
Os traballos que se pretenden levar a cabo nese ámbito incluirían medidas de desenvolvemento e impulso de áreas rurais, de promoción do patrimonio artístico, natural e cultural da zona, así como de fomento da gastronomía local.