A campaña divulgativa de sensibilización e visibilización do deporte feminino "Conquista os elementos"; dirixida á sociedade en xeral, pero específicamente á mocidade, clubes e escolas deportivas, promovida dende o Área de Igualdade da Deputación da Coruña, fixo escala hoxe en Negreira cun vídeo fórum, cuxo eixo vertebrador foi o documental "Contra os elementos" elaborado pola propia Deputación.
A proxección do documental, viuse acompañada, polos relatos en primeira persoa de deportistas femininas, figuras relevantes do eido deportivo, cun coloquio con tódolos asistentes celebrado no Auditorio do Centro Sociocultural; e que contou coa presenza dunhas relatoras de excepción para o alumnado do Ceip O Coto e mailo IES Xulián Magariños como foron Paula Mayobre, atleta de fondo, internacional coa Selección Española en seis ocasións, e que ten participado en dous mundiais e un europeo. Campioa galega e de España en varias categorías e distancias como os 3.000, 5.000 e 10.000 metros lisos ou media maratón. Na actualidade compaxina o atletismo exercendo como adestradora e directora da Escola de Atletismo Paula Mayobre.
Tamén participou Laura Delgado, que aínda téndose iniciado no atletismo en categorías inferiores, en lanzamento de peso e martelo, posteriormente, centrou a súa actividade no rugby. Actualmente é primeira liña do CRAT Coruña e da Selección Española, coa que ven de proclamarse novamente campioa de Europa.