A teense Claudia Castro vén de gañar a VI edición do Certame de poesía 'Xosé M. López Ardeiro' coa obra Ser, corazón e boca; presentada co pseudónimo Palabras coma paxaros. O segundo premio foi para o escritor Raúl Gómez Pato, que presentou o poemario Círculo baixo o nome de Laverca.

O xurado destacou a calidade das 22 obras participantes neste certame organizado polo Concello de Negreira, manifestando a dificultade que supuxo seleccionar as que finalmente resultaron gañadoras.

O fallo deuse a coñecer o pasado venres, 22 de decembro, nun acto celebrado no auditorio do Centro Sociocultural de Negreira que estivo conducido por José A. Ponte Far, amigo de Ardeiro e impulsor do premio. Ponte Far fixo un percorrido pola vida e a obra do poeta nicrariense, cando neste 2017 se cumpren dez anos do seu pasamento.

O acto tamén contou coa intervención do alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño. Procedeuse, así mesmo, á lectura de diversos poemas de Ardeiro e houbo unha actuación musical do grupo Oîma

O xurado desta sexta edición estivo constituído polo catedrático de Lingua e Literatura José A. Ponte Far, o poeta Xulio L. Valcárcel, a poeta Diana Varela Puñal e as docentes de Lingua e Literatura María Rey e María López Sández.

A gañadora será galardoada con 700 euros mais a publicación da obra por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral do Libro. Pola súa banda, o segundo clasificado recibirá 300 euros. 

 

powered by social2s