Os 24 GDRs (Grupos de Desenvolvemento Rural) de Galicia van realizar este sábado, día 13 de novembro, unha andaina conxunta, cada un no seu territorio de acción, baixo o lema: "O rural contra a violencia de xénero", nunha iniciativa auspiciada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a Secretaría Xeral da Igualdade e maila Axencia Turismo de Galicia.

 

Negreira é o lugar escollido neste 2021 polo GDR19 Asociación Terras de Compostela, do que formamos parte, de cara a levar a cabo un encontro por videoconferencia no Auditorio Centro Sociocultural cos demáis GDRs da comunidade e con representantes políticos do goberno da Xunta, unha vez cuberto a pé o traxecto do Camiño de Fisterra e Muxía, entre Trasmonte (Ames), e a capital do Val de Barcala, duns seis quilómetros.

 

É moi importante destacar, que por mor dos requisitos da andaina, só poderán participar aquelas persoas que fosen inscritas previamente polo GDR19 Asociación Terras de Compostela. Por parte do Concello de Negreira, participarán como convidados, o alcalde Manuel Ángel Leis Míguez; a concelleira da Muller e Igualdade, María del Mar García Vidal; a concelleira de Educación e Sanidade, Teresa Duro Leis, así como a directora do Centro de Información á Muller (C.I.M.), Rosa Fuentes Cambeiro.

 

Programa andaina

 

-Ás 10:15 horas. Punto de encontro no aparcadoiro da zona de A Restreva, na entrada ao Centro Sociocultural. Entregarase a cada participante unha prenda para levar durante a andaina.

-Ás 11:00 horas terá lugar a saída en autobús ata a igrexa de Trasmonte, no concello de Ames.

-Ás 11.30 horas. Comezo da andaina dende a igrexa de Trasmonte até a vila de Negreira, cun percorrido aproximado de 6 quilómetros.

-Finalmente, a partir das 13:00 horas realizarase unha conexión por videoconferencia cos demáis GDRs de Galicia e con representantes políticos no goberno da Xunta de Galicia.

powered by social2s