CONCELLO DE NEGREIRA

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
De 9:00 a 14:00 (de luns a venres)
Rúa do Carmen, 3 - 15830 - NEGREIRA

Século XX

Por outra banda, a principios do século XX, en consonancia cos múltiples movementos agraristas que se produciron en Galicia, a bisbarra barcalesa viviu unha fecunda etapa de creación de sociedades agrarias e sindicatos agrícolas, que chegaron a publicar as súas propias cabeceiras de prensa, como O Boletín de San Mauro (1904), El Barcalés, La Federación de Negreira y Baña (ambos de 1911), A Fouce (1919), El agrario Barcalés (1921) e La Voz de Barcala. Co comezo da Guerra Civil, a actividade periodística local desaparece. Tense que esperar ata os anos 70, para que esta actividade xurda outra vez en mans de novas cabeceiras: A Comarca / Nosa Comarca (1971), Feiraco (1977), Boletín Afonso Eans (1980), a emisora municipal Radio Negreira (1988), O Norte (1994), O Tambre (1995). Na actualidade, tan só sobrevive informando sobre o pulso da comarca Radio Negreira.

Tamén, a principios do século aparecerían os primeiros esforzos por modernizar a agricultura. Nunha terra xenerosa, con boa aptitude agrícola-gandeira polo clima e os solos, acadáronse importantes logros tanto no ámbito económico como social. Unha segunda modernización do agro produciríase nos anos 60, cando empezaron a fraguar os distintos proxectos de cooperativismo parroquial, concentración parcelaria, FEIRACO... Dende comezos do século, na comarca barcalesa −nos cinco concellos que formaban o partido xudicial de Negreira− xurdiron máis de trinta agrupacións agrarias, tales como a Sociedad de San Mauro (1904) ou a Federación Agropecuaria de Negreira (1932).

A Sociedade barcalesa fixo esforzos para artellarse dun xeito acorde con devir do mundo contemporáneo no primeiro terzo do século XX (agrarismo, anticaciquismo, extensión da escolarización, vías de comunicación, etc..). Certamente que se acadaron melloras, xa que o nivel de vida no 1936 era sensiblemente mellor que no 1900. Mais co comezo da Guerra Civil en España, esa sociedade que acadara algo de adianto e democracia sufriu un grave corte e parálise no seu progreso, vivindo as mesmas desfeitas e represión que o resto de España.

A guerra, como no resto de España, levou o estancamento socio-económico á comarca. Os primeiros tempos do franquismo foron penosos. Só a partir dos anos finais da década de 1950 se inicia un certo despegue arredor da modernización do campo −concentración parcelaria, cooperativismo, dinamismo parroquial− e do conseguinte medrar da vida, onde outra vez tiveron moito que ve-los diñeiros da emigración masiva, xa agora máis europea e española ca americana.

CONCELLO DE NEGREIRA

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
De 9:00 a 14:00 (de luns a venres)
Rúa do Carmen, 3 - 15830 - NEGREIRA