Achéganse as festas de Santa Margarida cuns días ateigados de propostas no noso Concello.

Mañá celebrarase a XI edición do Día da Bicicleta, que arrincará ás 10h da mañá dende a explanada xunto ao instituto. A esa hora concentraranse as persoas participantes. Sairán primeiro os máis pequenos, que lle darán ao pedal durante 1,2 quilómetros, e despois, ás 11h, os adultos, con 10 quilómetros.

Pola tade, máis deporte, co torneo de baloncesto que vai haber no parque do Coto a partir das 16:30. Nel enfrontaranse os equipos de benxamíns de Negreira e Porto do Son, de cadete feminino do Pio XII e do Porto do Son e de cadete masculino do Rosalía de Castro e do Porto do Son.

Despois, cita importante co humor co espectáculo 'Dous no Camiño' da man de Isabel Risco e Fran Rei. Trátase dunha montaxe para todos os públicos que foi creada especificamente para a programación do Xacobeo Vive o Camiño 2017. Poderase ver ás 20h na explanada que hai xunto ao instituto.

Tamén mañá nova proxección de cine na rúa, co filme Os Minions na praza das Brañas ás 22:30h.

Alí, o domingo pola mañá inaugurarase a nova pista de petanca, coa celebración dun torneo a partir das 10h. Nel participarán xogadores de Negreira, así como do C. P. Ensino, do C.P. A Bandeira e da selección galega.

Xa pola tarde, Festival de Bandas ás 18h na praza do Concello, coas bandas de Boiro, de Brión e a Ateneo de Negreira. Pola noite toca verbena a cargo da orquestra New York, xunto coa disco móbil EME Music e o Dj Marcos Magán.

O luns a charanga Os Celtas poralle música ás rúas ao longo da mañá. Ás 12 do mediodía haberá misa solemne na honra de Santa Margarida na igrexa parroquial. Deseguido, sesión vermú cos Celtas e o Trío Alborada, que repite pola noite amenizando a verbena que lle porá o broche final a estas celebracións.

powered by social2s

Isabel Risco e Fran Rei traerán o espectáculo cómico Dous no Camiño este sábado á nosa vila.

A cita, con entrada libre, está fixada para 20h na explanada que está xunto ao instituto Xulián Magariños.

Trátase dunha montaxe dirixida por Avelino González, con texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala, que foi creada especificamente para a programación  do Xacobeo Vive o Camiño 2017.

Isabel Risco e Fran Rei son dúas caras ben coñecidas no mundo do humor e da interpretación en Galicia. Desta volta transfórmanse en camiñantes para ofrecernos unha proposta de circo e clown que conquistará as risas do público.

powered by social2s

Dende este luns pode visitarse na sala de exposicións do Centro Sociocultural, unha mostra de pinturas e gravados dos artistas noieses Jesús Costa, Rosana Calvo e Nacho C. Beiro.

Compoñen esta exposición un total de 24 obras realizadas mediante técnicas coma o gravado ou a acuarela.

Pódese visitar ata o vindeiro 30 de setembro, en horario de 9h a 15h e de 16h a 21h. Os diferentes cadros están ademais á venda para aquelas persoas que queiran adquirir algún deles.

 

powered by social2s

O Concello de Negreira oferta máis de 30 actividades para nenos/as e adultos/as no novo curso das Escolas Deportivas e Culturais municipais.

Entre as actividades culturais inclúese informática, teatro, pintura e gravado, danza tradicional e pandeireta.

Dentro das escolas deportivas ofértanse para nenos e nenas actividades polideportivas, atletismo, baloncesto, balonmán, ciclismo, fútbol sala masculino e feminino, judo, kárate, multideporte, patinaxe, tenis, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica.

Para as persoas adultas haberá aerobic, atletismo, ioga, pádel, patinaxe, tenis, tenis de mesa, ximnasia de mantemento e ximnasia para maiores.

As clases, polo xeral, comezan na primeira semana de outubro, aínda que hai algunhas excepcións.

As persoas interesadas deben anotarse na Delegación de Cultura e Deportes antes do 11 de outubro. Nalgúns casos as prazas son limitadas e iranse cubrindo por orde de anotación.

O prezo estándar por curso é de 40€, con descontos para familias ou persoas que participan en máis dunha escola.

Pódese consultar toda a información a través desta ligazón:

https://escolasdeportivasmunicipais.blogspot.com.es/

powered by social2s

feriarronamico2017_310817.jpgEste venres, 1 de setembro, arrinca a XI Feira do Románico de Negreira con múltiples propostas que inclúen representacións teatrais, obradoiros infantís, exhibicións de cetrería, animación de rúa e espectáculos musicais, ademais do tradicional mercado medieval.

 

A contorna da Carreira de San Mauro e do Pazo do Cotón acollerá este evento, cun programa de actividades que dará comezo o venres arredor das 18h. Ese primeiro día haberá músicos e bufóns percorrendo a feira, unha exhibición de voio e un espectáculo de acrobacia e lume.

 

A inauguración oficial por parte das autoridadades e da corporación local será o sábado ás 12 do mediodía. Nesa xornada principal volverá haber animación de rúa e exhibicións de cetrería xa dende pola mañá, así como obradoiros infantís. Para as 13:30h está prevista unha representación teatral da man da Escola de Teatro de Negreira na zona da praza do Cotón, coa peza 'A lenda de Xenoveva e Barbante'.

 

 As actividades continúan pola tarde e pola noite, destacando un espectáculo de lume ás 23h e outro pirotécnico á medianoite, seguido dun concerto do grupo Wyrdamur.

 

Xa o domingo actuarán grupos coma Os Monifates, que se suman ás intervencións musicais dos Gascones, Losinfuste, Fire Dragons e Wyrdamur, presentes durante  os tres días de feira. A cita pecharase cun novo espectáculo da Troula Animación, que desta volta substitúe o seu 'Errantes' pola proposta 'Subumbra'.

 

Pódese consultar o programa completo na seguin ligazón:

Folleto XI Feira do Románico

 

Cortes de tráfico

Lembramos que con motivo desta celebración o tráfico estará cortado na zona da Carreira de San Mauro xa dende o xoves pola tarde e ata o domingo á noite.

powered by social2s