brandariz261017.jpgPedro Brandariz, que leva media vida subido aos escenarios, ofrecendo monólogos por todo canto recuncho da xeografía galega e española hai, é un dos grandes contadores de historias do país. Vai selo encargado de pechar este venres 27 ás 21:30 horas, o quinto Ciclo de monólogos, para cuxa función pódense retirar as entradas na Delegación de Cultura (polas mañás), ou ben na billeteira do Centro Sociocultural, dende media hora antes da función.

 

Detrás da dilatada traxectoria de Pedro Brandariz, hai unha ampla formación teatral. Brandariz procede do mundo do clown, aínda que tamén traballou en compañías escénicas de corte máis clásico e de teatro infantil.

 

 

Actualmente, forma parte das compañías Os Sete Magníficos máis Un, DINAMOteatro, Teatro do Astracán ou Manicómicos. Deixou, ademais, a súa pegada noutras formacións: Desaqueloutradas, Dous son Compañía ou Clowntacontos, as cales contaron habitualmente con Brandariz nas súas montaxes.

 

E moi coñecido tamén polo súa aparición no programa “Luar”, da TVG onde xunto o seu compañeiro Fran Rei, formaron un dúo cómico durante varios anos en pantalla.

 

A familia

 

A Familia! Esa cousa. No monólogo deste venres en Negreira analízase, dende unha perspectiva irónica, as relacións familiares que se dan entre fillos e fillas, nais e pais, avós e avoas, entre irmáns, cos curmáns, coa tía aquela que nin o seu nome lembramos... Todo un nobelo inmenso que vai desenfiando Brandariz co seu característico ollo clínico de gran monologuista.

powered by social2s

carreira261017_1.jpgA trixésimo oitava edición da Carreira Popular de Negreira, a celebrarse o domingo 12 de novembro, a partir das dez da mañá, tivo na súa presentación, unha especial atención ás novidades que presenta, entre elas, un circuíto por primeira vez homologado pola Federación Española de Atletismo, e a inclusión, da proba de 5 quilómetros -unha volta ao circuíto-, pensando nos atletas populares aos que un 10.000 póidaselles facer moi duro, e incluíndo ás categorías cadete e xuvenil, tal e como avanzou Marcos Pérez, director da proba.

 

Na presentación da 38ª Carreira Popular participou o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, quen incidiu na importancia da Clásica de Negreira en que «é unha proba que se encadra non só entre as mellores de Galicia, senón tamén entre as mellores do noroeste de España», que dixo, sabe combinar a participación dos grandes atletas coa dos populares. E subliñaba o «guiño» que sempre tivo cara ás carreiras escolares «onde podemos ver a algúns dos futuros integrantes dá selección galega ou a española», sinalou Isidoro Hornillos.

 

Ezequiel Mosquera, director-xerente de Emesports, a empresa encargada da cronometraxe e equipamento da proba, fixo fincapé en que A Clásica «está entre as mellores populares de Galicia por méritos propios, máxime tendo en conta que é unha vila pequena, pero que ten un carreirón», xunto ao feito de que sexa o único 10.000 de Galicia incluido no circuito nacional.

 

carreira261017_2.jpg

 

Pola súa banda, Jorge Tuñas Caamaño, concelleiro do goberno municipal, subliñou que os cambios introducidos «buscan darlle unha maior excelencia e calidade á proba, sobre todo co cinco mil para aqueles corredores populares que o dez mil quizáis se lle fagan moi duros», ao tempo que convidaba á veciñanza a sumarse a esta gran festa do deporte na rúa que conta cunha importante oferta no que ás categorías escolares refírese, se ben puso de manifesto a ampla oferta de servizos ofertados: caixóns de saída por marcas; tres globos ou lebres; servizo de cronometraxe por chip; bolsa do corredor que inclúe unha camiseta técnica, bolsa de poliéster, bebida, barrita enerxética e un batido; servizos de fisioterapia, gardarroupa, gardeiría, e de fotografía profesional,  ou o transporte ata a Piscina Climatizada de Pedra Mámoa para ducharse os participantes, e mesmo dous avituallamentos líquido e sólido.

 

As inscricións poden formalizarse ata o mércores día 8 de novembro a través da web concellodenegreira.gal. Ata o 31 de outubro ten un desconto de tres euros para os participantes das categorías adultas, pois desde o día 1 do mes entrante custará 10 euros.

 

A Clásica mantén os seus premios en metálico de 900; 550; 300; 200; 100 e 75 euros, para os seis primeiros clasificados (masculino e feminino), así como trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, na proba raiña de 10.000 metros. Para os atletas locais, haberá premios de 100; 50 e 40 euros, respetivamente, aos tres primeiros clasificados. Os tres mellores equipos federados optan aos seguintes premios: 400; 200 e 100 euros. Asemesmo, haberá un premio de 400 euros en material para o centro escolar máis numeroso. 

powered by social2s

conc_cont_violencia_07.pngA presente convocatoria ten por obxecto a concesión dos premios do VII Concurso de relatos curtos e carteis gráficos “Loita contra a violencia de xénero ”, organizado polo Concello de Negreira a través do Centro de Información á Muller (CIM) co fin de sensibilizar á  poboación sobor desta lacra social.

 

BASES DE PARTICIPACIÓN

 

1ª.Poderán participar tódalas persoas menores de 18 anos. 

                                                           

2ª.Os traballos presentados deberán ser entregados no Centro de Información á Muller no Concello de Negreira, nun sobre pechado. Deberá constar un número de teléfono de contacto e en ningún caso deberá aparecer o nome da persoa participante. A identificación da  persoa levarase a cabo mediante o uso dun pseudónimo.

 

3ª.O concurso constará de dúas modalidades: relato curto e cartel gráfico. A temática a que deben axustarse os traballos é a Loita contra a Violencia de Xénero en tódalas súas manifestacións: física, psicolóxica, sexual, económica, estructural… así como os efectos e consecuencias da mesma en tódalas persoas que a sofren.

 

4ª.Os traballos presentaranse en galego ou castelán. No caso dos relatos terán como extensión máxima 5 folios (DIN-A4).

 

5ª.Tódolos traballos que se presenten deberán ser orixinais, inéditos e non presentados en anteriores concursos neste ou noutro concello. De non ser así, quedarán inmediatamente excluídos do concurso.

 

6ª.Os criterios de valoración para elixir ós traballos premiados serán os seguintes: contido e tratamento do tema, orixinalidade, expresión e presentación en xeral.

 

7ª. O prazo para a presentación dos traballos é do 20 de outubro  ó 20  de novembro de 2017.

 

8ª.Os traballos orixinais quedarán en poder do CIM de Negreira que se reserva o dereito para a súa publicación, exposición, doazón ou calquera outro uso posterior, sempre sen ánimo de lucro.

 

9ª.Entre tódolos traballos recibidos un xurado independente seleccionará os gañadores de cada modalidade e concederá os seguintes agasallos :

                -Premio ó mellor relato curto: vale regalo por importe de 100 Euros a utilizar nunha tenda da vila.

                -Premio ó mellor cartel gráfico: vale regalo por importe de 100 Euros a utilizar nunha tenda da vila.

 

10ª. A entrega de premios levárase a cabo o vindeiro 25 de Novembro ao remate da andaina: “Negreira camiña contra a violencia de xénero ”. A organización contactará previamente cos premiados por teléfono para que asistan ó  acto de entrega a recoller o seu agasallo en persoa. De non poder facelo, designará previamente a un sustituto que o fará no seu nome.

 

11ª.Os traballos gañadores poderán divulgarse a través dos medios de comunicación locais.

 

12ª.As persoas participantes serán as únicas responsables do contido respetando as esixencias legais de dereitos, de autoría ou plaxio, segundo as leis vixentes.

 

13ª.Tódolos participantes están obrigados a cumprir estas bases. Calquera outra circunstancia non prevista nas mesmas, será resolta polo xurado e as súas decisións serán inapelables. 

powered by social2s

recogida de alimentos2.jpgA Asociación de Mulleres Rurais da parroquia de Alvite, en colaboración co departamento municipal de Servizos Sociais do Concello de Negreira, comeza o día 1 de novembro, unha nova campaña de recollida de alimentos, de cara ás festas do Nadal, e para aquela xente do noso concello que precise de axuda.

 

A campaña solidaria vaise prolongar ata o día 17 de decembro, e os alimentos deberán ser non perecedeiros, dígase legumes, fariña, leite, pastas, conservas ou turróns. Ademáis, tamén recolleránse produtos de hixiene.

 

Os puntos de recollida son os seguintes:

Casa do panadeiro (Pesadoira)

Casa de Herminio (Pesadoira)

Casa de Vieites (Pesadoira)

Casa de Flora (Pesadoira)

Casa de Xan (San Tomé)

powered by social2s

Portor.jpgO Concello de Negreira informa que ante a recente posta en servizo da rede municipal de abastecemento de auga potable dende os depósitos municipais, cara a parroquia de Portor, faise saber que os veciños e veciñas dos lugares de Portor, Piñeiro, Rebordáns e Saleiróns, xa poden facer uso da mesma, para o cal deberán pasar polas oficinas do Servizo Municipal de Augas.

 

Dirección: Rúa de Castelao, nº 12, baixo.

 

Horario: Luns, martes, mércores e venres, de 9:00 a 14:00 horas, e os xoves de 9:00 a 10:30 horas.

 

Para calquera consulta, a veciñanza da parroquia de Portor pode poñerse en contacto co Servizo Municipal de Augas nos seguintes números de teléfono: 626 986 941, ou no 981 881 569.

powered by social2s