munoz_191018.jpgO cómico Juan Muñoz, o que fora célebre membro do popular dúo Cruz y Raya, xunto a José Mota, actúa esta noite no Ciclo de monólogos de Negreira para goce de quenes se acheguen ao Auditorio do Centro Sociocultural, a partir das 21:30 horas. As entradas teñen un prezo de doce euros.

 

Juan Muñoz, quen actualmente dirixe o teatro do hotel Gandía Palace, tamén segue en ruta co seu propio espectáculo, no que mestura humor e música con personaxes como Juan de Díos, ou o morito Juan.

 

Outra das súas facetas é a de actor de cine e especialista en dobraxes. De entre todos os personaxes de películas de animación, destaca por poñerlle voz ao ogro Shrek.

powered by social2s

dip191018.jpgO Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), publica na súa edición de hoxe venres 19 de outubro, o anuncio relativo ao levantamento de actas previas á ocupación de terreos pola expropiación na estrada DP 5603 Negreira a Marco do Cornado, de cara a execución do proxecto de sendas peonís polo Camiño de Fisterra-Muxía, nos seguintes catro treitos:

 

1) Punto quilométrico 1+430 ao 2+170

2) Punto quilométrico 7+300 ao 7+820

3) Punto quilométrico 8+750 ao 10+770

4) Punto quilométrico 11+110 ao 12+900

Cabe recordar que o Pleno da Corporación Provincial en sesión celebrada o día 23 de febreiro de 2018 aprobou o Plan de Sendas Peonís, na súa primeira fase, cun proxecto que ascende a 893.378 euros, ascendendo o valor da expropiación a: 119.116 euros.

 

O citado plan foi exposto ao público mediante anuncio publicado no Boletín Oficial da Provincia, e non téndose formulado reclamación algunha referida a esta obra, e polo que cítase, a fin de proceder ao levantamento das actas previas para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, aos titulares dos bens e dereitos afectados, cuxas fincas e superficies totais en metros cadrados afectadas, aparecen na relación de titulares.

O lugar será a Casa da Cultura de Negreira, o o xoves día 8 de novembro de 2018, en horario de 16:30 a 19:00 horas.

 

Ao devandito acto deberán acudir os titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, achegando os documentos acreditativos da súa titularidade: Documento Nacional de Identidade; Tarxeta do Número de Identificación Fiscal e o último recibo do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), podendo facerse acompañar á súa costa, se o estiman oportuno, dos seus peritos e notarios.

 

Anuncio BOP

 

powered by social2s

lusos151018.jpgUn grupo duns sesenta camiñantes de Guimarães (Portugal), fixeron parada este domingo na Caseta de Información ó Peregrino para selar as súas credenciais. Tratouse dunha expedición que está a cubrir o Camiño de Fisterra por etapas,  e nesta primeira xornada cubriron os 21 quilómetros da etapa entre a Praza do Obradoiro e a vila de Negreira.

 

En Negreira, agardábaos un autobús para levalos de volta cara Guimarães. Nun mes agardan voltar ao Val de Barcala para facer a seguinte etapa que lle levará a cubrir o traxecto entre a vila e Olveiroa, xa no municipio de Dumbría.

 

Este grupo de Portugal foron dos últimos peregrinos en achegarse á Caseta de Información, que hoxe 15 de outubro, pecha as súas portas na presente tempada alta de camiñantes, despois da apertura da atención ao público a comezos do mes de maio, batendo os seus mellores rexistros.

powered by social2s

llega8002.jpgAs operadoras de telefonía móbil (Movistar, Vodafone e Orange), comezarán a ofrecer en Negreira servizos sobre a rede 4G na banda 800MHz, o que permitirá á veciñanza gozar de conexións móbiles de alta velocidade sobre tecnoloxía LTE (4G), cunha mellor cobertura no interior dos edificios e maior extensión xeográfica.

 

Para garantir a compatibilidade da nova tecnoloxía coa Televisión Dixital Terrestre (TDT), os operadores puxeron en marcha Llega800, entidade que é a encargada de solucionar calquera afectación na recepción do sinal de televisión.

 

Coa chegada do novo 4G a Negreira, continua o proceso de implantación que se está realizando de forma paulatina por toda a xeografía nacional. Para comprobar os concellos onde xa están activos estes servizos pódese consultar no enlace: https://www.llega800.es/municipios.php

 

O despregue 4G enmárcase no establecido no Real Decreto 805/2014, de 19 de setembro, con data 1 de abril de 2015 na que se procedeu á liberación das frecuencias entre 790MHz e 862MHz (canles de 61 ao 69 de UHF), que ata entón se empregaban para a recepción da Televisión Dixital Terrestre, proceso tamén coñecido como Dividendo Dixital. A partir de entón, ditas frecuencias foron asignadas ás operadoras de telefonía móbil para prestar os seus servizos 4G.

 

Principais vantaxes

 

Coa rede 4G abriuse a porta a innovadores servizos e aplicacións, ademais de proporcionar significativas melloras tanto na velocidade de descarga, como de envío de datos, imaxes, música ou contidos audiovisuais de alta definición- ou permitir sacar o máximo partido a aplicacións online, como os videoxogos.

 

A nova xeración da tecnoloxía 4G tamén facilita a introdución de novos servizos no área empresarial e das administracións públicas, como aplicacións empresariais en movilidade con alto contido multimedia ou o uso da videochamada, entre outros.

 

Ademais a maior cobertura que alcanza o 4G na banda de 800MHz mellorará o servizo no interior de edificios e será a banda que permita estender xeográficamente o servizo de forma eficiente.

 

Para garantir esta compatibilidade, Llega800 presta aos cidadáns unha serie de servizos gratuitos que inclúen, por unha banda, unha actuación previa, grazas á cal os cidadáns que residan en zonas de maior afectación recibirán unha comunicación no seu domicilio que lles informará de que a partir dese momento poderán solicitar de forma gratuita a adaptación da antena do seu edificio para evitar posibles incidencias.

 

E, por outro, un procedemento correctivo, tralo aceso das estacións, polo que Llega800 encargarase de atender aos usuarios afectados xestionando e resolvendo posibles afectacións tamén sen custo algún.

 

Para xestionar estes servizos, púxose a disposición dos cidadáns un teléfono de atención gratuito:  900  833 999

E unha páxina web: https://www.llega800.es/index.php

powered by social2s

Establécese un prazo de reclamacións sobre as puntuacións provisionais sobre a selección do persoal para o Obradoiro de Emprego Xallas-Barcala-Dubra IV, de tres días hábiles, a contar desde o luns 15 de outubro, que poderán presentarse no rexistro xeral dos concellos de Negreira, A Baña, Santa Comba e Val do Dubra, así como na Oficina de Emprego de Cee, ou por calquera das formas establecidas na Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (B.O.E. 02/10/2015). Neste último, débese enviar copia da reclamación e resgardo da súa presentación no mesmo día ó número de fax: 981 885328 do Concello de Negreira, xa que sen a concurrencia de ámbos requisitos non será admitida a reclamación.

 

powered by social2s