apego 21 03 17 1.jpgO alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, asistiu á sinatura da addenda ao programa Apego, no concello de Nigrán, e que incorpora a sete novas entidades municipais. Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Cee, Lugo, O Carballiño, Ponteareas, Sada, Vilagarcía de Arousa e Nigrán súmanse aos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Carnota, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Vigo e Vimianzo como referentes nos que a veciñanza pode informarse e sumarse. Tamén pode contactar co proxecto a través da súa presenza na Internet: www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal

 

Despois do segundo ano de vida deste proxecto dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos, programación de actividades etc., súmanse 7 aos 23 concellos que xa formaban parte do proxecto.

 

apego 21 03 17 2.jpg

 

O acto estivo conducido por dúas representantes do persoal técnico dos servizos de normalización, que explicaron que é o Apego e a quen se dirixe. Foi presidido polo alcalde de Nigrán, Juan González, que quixo acoller e celebrar o inicio desta colaboración cun concerto de música infantil, Letras e notas protagonizado por Magín Blanco como mostra das actividades que se desenvolven no proxecto para darlles ás familias recursos para activar a lingua.

 

O alcalde de Negreira fixo fincapé na necesidade dun proxecto coma este que valore positivamente a lingua e a súa transmisión, tendo en conta a situación xeral pola que pasa o galego, incluso nos territorios onde a realidade é aparentemente máis favorable. E, de maneira especial, animou ás nais e pais a que se sumen ao Apego e participen nas accións e nas redes que reforzan a socialización en galego das súas fillas e fillos.

powered by social2s

O departamento municipal de Servizos Sociais informa da apertura do prazo para solicitar a participación na convocatoria de 600 prazas para estadías e tratamentos termais dentro do programa de Benestar en Balnearios 2017, segundo publicou o Diario Oficial de Galicia número nº 53 do 16/3/2017. En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de 3 destinos por orde de prioridade.

Folleto informativo

Quendas e establecementos termais que se relacionan no anexo IV

 

Persoas beneficiarias

 

Para beneficiarse deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos:

a.      Ser maior de 60 anos, ou de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b.      Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c.       Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos/as  que acudan en calidade de acompañantes.

d.      Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.

e.      Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

f.       Acadar, de conformidade co baremo, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.

Acompañantes

A persoa solicitante poderá ir acompañada de:

1.      O seu ou a súa cónxuxe ou, se fose o caso, a parella de feito ou persoa coa cal teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a) 

2.      Un fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este o poida facer sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpra os requisitos agás o da letra a).

3.      Unha persoa coa cal desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos.

As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Duración e servizos ofertados

As quendas teñen una duración de 10 días (nove noites) cada unha, realizaranse en réxime de pensión completa e comprenderán desde as 12:00 h. do día de chegada ata as 12:00 h. do día de saída, e desenvolveranse entre o mes de abril e o de decembro de 2017

Servizos:

a.      Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido.

b.      Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada balneario no anexo IV, que comprenderán:

 - Recoñecemento médico, ao ingresar no balneario, para a prescrición do tratamento.

 - Tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do balneario.

 - Seguimento médico do tratamento.

c.       Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento hoteleiro ou termal.

d.      Póliza colectiva de seguro turístico.

O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento termal así coma o de regreso será por conta das persoas beneficiarias, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que oferte o balneario, se for o caso.

As persoas beneficiarias que estean interesadas en aloxarse en cuarto individual, no caso de que houber dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza do custo que supoña, e as que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terano que indicar no momento de presentar a solicitude e acreditalo ao incorporarse á quenda.

A participación nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento termal ou hoteleiro deberano facer as persoas beneficiarias polos seus propios medios e ao seu cargo.

Prezo

O prezo que pagarán as persoas beneficiarias, por praza e quenda para cada balneario, é o que figura no anexo IV.

Documentación

Solicitude anexo I e os anexos II e III  |  Presentación electrónica na sede

a.      Copia compulsada do pasaporte, se procede, relativa á persoa solicitante e, se fose o caso, á que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

b.      Copia do libro de familia da persoa solicitante no caso de que queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.

c.       Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, de non ser expedido pola Xunta de Galicia ou non estivese no poder desta.

d.      Certificado das pensións non outorgadas polo INSS nin pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

Para a tramitación consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas sinalados no art.8.

Prazo presentación de solicitudes

Vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Ata o 17 de abril de 2017.

Lugar de presentación

·       Preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para o que é preciso o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

 

·      Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do  procedemento administrativo común.

 

Máis información Servizos Sociais do Concello de Negreira.

powered by social2s

O Concello de Negreira anuncia a licitación da contratación dos servizos de cafetería na Casa da Cultura, cun prazo de concesión de catro anos, sen admisión de prórroga e mediante tramitación ordinaria.

 

 

O importe do canon será dun mínimo de 50 euros mensuais, nun procedemento aberto cun único criterio de valoración: factor prezo. Toda a documentación para optar a esta licitación pódese obter na Secretaría da Casa do Concello.

 

 

Máis información: http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2017/03/16/2017_0000001917.html

powered by social2s

Este venres ten lugar a terceira xornada do I Ciclo de documentais Val de Barcala, promovido dende a Asociación Cultural Afonso Eanes, coa proxección de Fíos Fóra, así como e un posterior coloquio coas súas realizadoras: Sabela Iglesias e Adriana P. Viilanueva. A cita, a partir das 21:00 horas no Auditorio do Centro Sociocultural, cunha duración de 90 minutos, a proxección documental.

 

Trátase dunha peza audiovisual onde as protagonistas son as traballadoras galegas do sector téxtil. Con elas poden sentirse identificadas moitas mulleres barcalesas que traballaron e traballan nos diversos talleres de produción industrial de roupa que continúan en activo na nosa comarca.

 

Trátase dunha actividade de balde, aínda que existe a posibilidade de entrada solidaria: recolleranse alimentos non perecedoiros que serán doados ós Servizos Sociais do Concello de Negreira.

 

Sipnose: Por moi finos que sexan, detrás de tódolos fíos que nos rodean hai historias. As mulleres galegas que traballaron no sector textil dende os anos 60 foron a man de obra perfecta e cautiva para erguer unha industria xigante que agora se atopa deslocalizada. Este documental fai un  novelo do sector textil aquí e fóra, antes e agora. A historia repítese nos fíos doutros lugares, nos nós deste sistema.

 

Dirección: Illa Bufarda

Guión e producción: Illa Bufarda

Producción executiva: Amarante Setem

Son directo: Carlos Sarille

Música: Mónica de Nut e Martin Messier

Moderador de entrevistas: Marcos Doespíritosanto Gallego

Maquetación e deseño gráfico: Illa Bufarda

Data de estrea: 2015

Idioma orixinal: Galego – español

Subtítulos: Español e Inglés

Páxina web: http://www.fiosfora.gal/

Tráiler: https://vimeo.com/141775565

powered by social2s

O Concello de Nigrán acolle este venres 17 de marzo un acto en que sete novos concellos formalizarán a súa participación no proxecto Apego, de socialización da infancia en galego, que se amplía así a trinta municipios.

 

Alcaldesas, alcaldes, concelleiros/as e persoal técnico dos concellos participantes, entre eles, o de Negreira, acoden á Casa do Concello de Nigrán no acto de sinatura da addenda ao programa Apego, o proxecto para a socialización da infancia en galego que se puxo en marcha en 2015 desde os servizos de normalización lingüística (SNL) de 12 concellos, que vai medrando ano a ano, e que chegará neste 2017 a ser desenvolvido en 30 municipios.

 

As novas entidades que se incorporan a este programa de dinamización lingüística cooperativo son O Carballiño, Cee, Lugo, Nigrán, Ponteareas, Sada e Vilagarcía de Arousa, e súmanse así a Ames, A Baña, Carballo, Carnota, Coruña, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Vigo e Vimianzo.

 

Despois dos dous primeiros anos de vida deste proxecto dirixido a poñerlles en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitárllela con apoio, información, recursos, programación de actividades etc., súmanse sete aos 23 concellos que o están a desenvolver.

 

Deste xeito, o proxecto Apego chega agora a unha poboación que supera 1.300.000 habitantes, entre a que está a das sete cidades galegas e das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.

 

Avaliación positiva

 

Desde os servizos de normalización lingüística (SNL) faise unha avaliación moi positiva do programa, tanto pola acollida ata o momento, como polo número de familias directamente implicadas –xa están adheridas formalmente arredor de 2.000–, polos recursos creados, pola participación nas actividades e polos resultados que se van percibindo.

 

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos.

 

Para o proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia, a través do programa, facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos (unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos, etc.) coma virtuais, con propostas de cancións, xogos, etc., a través do sitio web www.apego.gal, ou da serie de vídeos na rede en que o polbo Po lles ensina ás nenas e aos nenos cousas como xogos para aprender as partes do corpo, atar os cordóns, facer galletas en familia, etc. Ademais de facilitar materias, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais (charlas, obradoiros, etc.), e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas (concertos, contacontos, teatro, etc.).

 

Neste 2017 deseñaranse e desenvolveranse novas accións no marco deste programa.

 

Prema eiquí para coñecer máis sobre o programa:

www.apego.gal

www.facebook.com/apego.gal/

powered by social2s