prestacion.jpgPrestación de pagamento único por fillos de menores de 3 anos

 

A Xunta de Galicia, a través da orde do 20 de marzo de 2019, establece as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2019. (DOG nº 65 do 3/03/2019) BS410A.

 

Persoas beneficiarias

 

Familias e persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos nados entre o 1.1.2016 e o 31.12.2017, ambos os dous días incluídos, e que, durante o ano 2017, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.

 

Serán igualmente beneficiarias polas fillas ou fillos adoptados ou acollidos mediante resolución, xudicial ou administrativa, ditada entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2017.

 

Nos supostos de que exista unha resolución xudicial que atribúa a custodia exclusiva a unha das persoas proxenitoras, a persoa beneficiaria será aquela que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido na dita resolución.

 

Enténdese por unidade familiar a formada polo pai e/ou a nai que teña/n a custodia do ou da menor polo que se solicita a axuda e os fillos e fillas da persoa solicitante.

 

En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.

 

As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais, deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na normativa do IRPF, e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.

 

Requisitos

 

•  Que as persoas proxenitoras teñan a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que non quede acreditada a dita circunstancia pola presentación do xustificante de empadroamento, poderáselles requirir para que presenten documentación complementaria que o demostre.

 

•  Que na data da solicitude os nenos ou as nenas convivan coa persoa solicitante.

 

Os requisitos para ter dereito a esta prestación deberán reunirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

 

Contía da axuda

 

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:

 

•  Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.

•  Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.

•  Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

 

Documentación

 

•  Solicitude e anexos | Presentación electrónica na sede  

a.  Copia do Libro de Familia ou certificación literal de nacemento do Rexistro Civil de cada unha das fillas ou fillos da persoa solicitante, para os efectos de acreditar a data de nacemento e o número de orde que ocupa a filla ou fillo na descendencia da persoa solicitante.

b.  Certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar (a antigüidade máxima do mesmo será de 6 meses).

c. No caso de nulidade, separación ou divorcio copia da sentenza ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno-filiais dos fillos e fillas comúns, acompañada, de ser o caso, do convenio regulador.

d.  Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou acollemento, no suposto de que a súa formalización se realizase noutra comunidade autónoma, de ser o caso.

e.  Anexo II cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non figure como solicitante e que forme parte da unidade familiar. De non achegar este documento, deberá xustificarse presentando a documentación que figura na letras c) deste artigo ou certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

 

Lugar de presentación

 

Preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Tamén nos Servizos Sociais Comunitarios.

O prazo de presentación é de 35 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Comeza o día 4 de abril e rematará o 28 de maio de 2019 (ambos os dous incluidos).

powered by social2s

conviteBoixNegreira.jpgExiste un descoñecemento xeneralizado da realidade de españois e galegos nos campos de concentración e de exterminio nazis. Por estes motivos, a ARMH (Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica), organiza en colaboración co Concello de Negreira, a exposición sobre Francesc Boix, preso de Mauthausen e fotógrafo catalán que axudou a documentar coas súas fotografías o horror sufrido nos campos nazis e de gran utilidade como proba no xuízo de Núremberg. Esta exposición está acompañada do vídeo documental Boix, fotógrafo del infierno.

 

A exposición inaugúrase o luns 8 de abril ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Negreira. Interveñen: Jorge Tuñas Caamaño, alcade de Negreira; Carmen García-Rodeja, investigadora galega da ARMH, e familiares dos deportados. Incluirá a actuación do grupo Na quinta.

 

Complementa a exposición o visionado da película: El fotógrafo de Mauthausen, e maila conferencia de María Torres: A investigación sobre os deportados ós campos de concentración nazis, o mércores 10 de abril, ás oito da tarde.

 

A investigación sobre Boix

 

A exposición de Boix serve para soporte á investigación da ARMH sobre os deportados galegos. Un grupo de colaboradores da Asociación Para a Recuperación da Memoria Histórica está traballando para sacar á luz as historias de tantos homes e mulleres que desde Galicia acabaron nun campo de exterminio, principalmente en Mauthausen. O arduo traballo consiste en localizar a documentación, dispersa en diferentes arquivos, e localizar ás familias co obxectivo de homenaxear a estas persoas tal como se fixo en toda Europa. Sacar do esquecemento e honrar a tantas persoas é un dos obxectivos do traballo da ARMH.

 

 

conviteConferenciaTorresNegreira.jpg

 

 

Os datos dos deportados

 

En España, dos que hai constancia documental, foron deportados 9.328 prisioneiros, morreron 5.185 e sobreviviron 3.809. Representan unha taxa de mortandade do 59%.

 

Mauthausen e os subcampos que dependían del recibiron o maior número de prisioneiros españois. Deportados 7.532, morreron 4.816. Representa unha taxa de mortandade do 64%. A maioría morreron en Gusen, subcampo situado a 5 quilómetros de Mauthausen. A el irían 5.266 españois, 3.959 morreron.

 

Dachau e Buchenwald recibiron a uns 1.100 españois dos que, polo menos, 500 morreron ou foron dados por desaparecidos. e Ravensbrück foi o campo das mulleres. Por el pasaron unhas 170 españolas das que faleceron, polo menos unhas 14.

 

Tamén houbo españois noutros campos como: Bergen Belsen, Auschwitz, Flossenbürg, Natzweiler, Neuengamme, Sttuthof, Sachsenhausen, Gross- Rosen, Aurigny, Guernesey e Neu Bremm.

 

En Galicia, foron deportados 179 prisioneiros e faleceron 106. Representan unha taxa de mortandade do 59%.

 

Provincias:

 

A Coruña: 78 deportados deles 46 falecidos.

 

Lugo: 42 deportados deles 30 falecidos.

 

Ourense: 30 deportados deles 20 falecidos.

 

Pontevedra: 33 deportados deles 22 falecidos.

 

Cartel completo:

 

Attachments:
Download this file (cartel_pdf.pdf)Cartel completo
powered by social2s

Alevín A.JPG

Emparellamentos 

 

Os equipos Benxamín e Alevín das Escolas Deportivas Municipais de Fútbol Sala, en calidade de campións da Fase Final Comarcal celebrada en Muros, xa coñecen os seus emparellamentos para a Fase Final Intercomarcal a celebrarse o sábado 13 de abril, na localidade de Padrón, dentro do programa Xogade de deporte en idade escolar da Xunta de Galicia, clasificatoria para a Fase Final Provincial.

 

Categoría Benxamín. Pavillón Grupo Escolar de Padrón

 

Os de Negreira mediranse na súa semifinal (13:00 horas) coa Escola Municipal de Vimianzo, logo da outra semifinal que enfrontará ao C.F. Outes e A Pobra do Caramiñal, a partir das once da mañá. Ás 16 horas xogarase o partido polo terceiro e cuarto posto, e ás 17:00 horas, a final.

 

Benxamín A.jpg

 

 

Categoría Alevín. Pavillón Municipal de Padrón

 

O equipo Alevín medirase na súa semifinal (12:00 horas) ao Fisober Dumbría, logo da outra semifinal entre o C.F. Outes e o Pontecesures. Ás 15:30 horas xogarase o partido polo terceiro e cuarto posto, e ás 16:30 horas, a final.

 

A entrega de trofeos e medallas a todos os equipos participantes, farase unha vez rematada a final de cada categoría.

 

Alevín A (2).jpg

powered by social2s

logo2.jpgNegreira acolle este venres a Fase do Club de debate 2019

 

O Centro Sociocultural de Negreira alberga este venres 5 de abril, unha das tres Fases de Zona da competición do Club de debate previas á gran final de 2019 dentro da iniciativa que desenvolven os equipos de Normalización Lingüística de diversos concellos galegos, entre eles, o de Negreira.

 

O Concello de Negreira conta coa participación dun equipo do IES Xulián Magariños, xunto aos centros educativos de Rianxo (IES Félix Muriel), Dodro (CPI Lourenzo Baleirón), e de Ferrol (IES Canido e IES Leixa).

 

O equipo local do IES Xulián Magariños comezará a xornada no primeiro encontro do día, ó redor das dez da mañá, e debaterá contra o equipo do IES Canido I, e ós nicrarienses tócalles defender a postura “En contra”.

 

A xornada irá avanzando ao longo do día. Xa pola tarde, e pechando a xornada, o equipo de Negreira enfrontarase ao IES Canido II (16:40 horas), esta vez defendendo a postura “A favor”. Xusto despois de rematar, preto das seis da tarde, terá lugar a entrega de premios.

 

¨Hai liberdade de expresión nos medios de comunicación¨, é a temática escollida polos centros de ensino participantes na Fase de Zona de Negreira, coa participación de equipos mixtos de entre 4 e 10 estudantes, de 3º e 4º da ESO, e de 1º de Bacharelato e Ciclos Formativos.

 

Consulta aquí todo o horario detallado:

 

horario.jpg

powered by social2s

concello_azul_020419.jpgO Concello de Negreira súmase por segundo ano consecutivo, á campaña de sensibilización "Light it up blue" (ilumínao de azul), unha campaña de carácter internacional pola que edificios e monumentos emblemáticos de todo o mundo tínguense de azul, en apoio e solidaridade co colectivo de persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e as súas familias.

 

A iniciativa consiste na iluminación de azul da fachada da Casa do Concello, entre as nove e as doce da noite, no Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.

 

No ano 2018 o Concello apoiou a iniciativa emprendida por Raquel Quintáns e Ainhoa Rodríguez, veciñas de Negreira, quenes promoveron o proxecto para colocar un total de 304 pictogramas en edificios e instalacións públicas de Negreira, logrando a adaptación cognitiva dos espazos mediante debuxos e a súa descrición en castelán e inglés.

 

#ilumínalodeazul

powered by social2s