Rematado o mes de agosto, pasaron polo punto de información 1608 persoas. Este é o cuarto mes consecutivo no que se superan as 1000 persoas atendidas, e supón o mes con maior afluencia pola caseta de información turística situada na avenida de Santiago.

 

Polo xeral, a meirande parte das persoas solicitan o selo da credencial e piden información sobre o Camiño e o aloxamento, ademais de que ver en Negreira e determinados servizos da vila. A franxa de idade con maior presenza é entre os 35 e os 60 anos, con case a metade. No que respecta ao sexo, as cifras están equilibradas no 50%. Sobre o 95% das persoas atendidas na caseta veñen por primeira vez a Negreira. En torno a 8 de cada 10 persoas veñen a pé, e o resto repártense entre os que viaxan en coche/autobús e en bicicleta.

 

Os países emisores que máis presenza tiveron en agosto despois de España son, por esta orde, Italia, Portugal, Francia e Alemaña, mentres que as provincias con maior protagonismo son Madrid, Barcelona, Valencia e a propia provincia da Coruña.

 

Por outra banda, o programa de roteiros guiados Verán no Tambre, levado a cabo nos concellos de Negreira, Val do Dubra e A Baña durante o mes de agosto, supuxo a cifra de 130 participantes entre as 3 citas. O vindeiro 7 de setembro, os tres concellos volverán colaborar no ámbito do turismo para realizar a Ruta do Románico, na que as persoas inscritas poderán viaxar no autobús de xeito gratuíto para coñecer catro igrexas do románico rural galego: Santa María de Paramos, Santa Baia de Lañas, Santa María de Portor e San Pedro de Gonte.

powered by social2s

Durante os próximos tres días, Negreira trasladarase ó medievo poñendo as súas mellores galas.

 

O mercado cobrará vida hoxe a partir das seis da tarde, cando empezarán os espectáculos de música itinerante a cargo de Gálata, Luís Oviedo e Human no limits. Ademais, ás oito da tarde e ás once da noite, haberá un espectáculo de circo e un gran espectáculo de lume, na praza do cotón, tamén da man de Human no limits.

 

O sábado a feira abrirá ás once da mañá, de novo acompañada de músicos medievais e seres doutras épocas. Ás doce en punto, será a inauguración oficial por parte das autoridades, que dará paso ao Gran Baile Medieval, organizado pola asociación de Carnavaleiros de Liñaio. Á unha e media haberá a primeira das exhibicións de cetrería, na praza do cotón.

 

Pola tarde, ademais dos habituais pasarrúas, teremos a segunda exhibición de cetrería ás seis e media e ás oito en punto, a primeira xusta do torneo medieval, organizado pola empresa Legend especialistas. Ás dez e media terá lugar o espectáculo quimera, na explanada do campo da feira, dando paso a partir das once e media ao gran espectáculo de lume e acrobacias de Human no limits, o espectáculo pirotécnico, e finalmente, a gran queimada popular.

 

O domingo o mercado abrirá de novo ás once da mañá, con pasarúas e a segunda exhibición de cetrería, as once e media, seguida polo espectáculo de circo aéreo de Human no limits na praza do cotón.

 

Á unha da tarde terá lugar a segunda xusta do torneo medieval, e pola tarde, volverán as exhibicións de cetrería ás seis e media, os espectáculos de circo ás sete e media, e a última xusta do torneo ás oito en punto. Finalmente pecharán estes tres días de festa os espectáculos itinerantes e pasarrúas de seres doutra época acompañados de músicos medievais.

 

No seguinte arquivo adxunto pódense consulta os horarios.

powered by social2s

Os concellos de Negreira, A Baña e Val do Dubra organizan, coa colaboración da Deputación da Coruña, a Ruta do Románico de Barcala e Dubra.

 

A visita guiada terá lugar na mañá do sábado, 7 de setembro, podendo desprazarnos no autobús ou en vehículo privado. Visitaremos catro exemplos do románico rural galego presentes nos nosos concellos, como son as igrexas de Santa María de Paramos, Santa Baia de Lañas, Santa María de Portor e San Pedro de Gonte.

 

O horario de saídas do autobús será o seguinte:

-          Centro de saúde de Negreira: 09:30 h

-          Parada de autobús de Ceilán (A Baña): 09:45 h

-          Igrexa parroquial de Paramos (Val do Dubra): 10:00 h

 

Ao finalizar a ruta, o autobús repetirá o percorrido para deixar as persoas participantes no seu lugar de saída.

 

As persoas interesadas poden inscribirse de xeito gratuíto ata o venres 6 de setembro ás 14 h chamando ao teléfono 650 79 69 56 ou na caseta de turismo de Negreira, sita na avenida de Santiago, no horario de 11 a 14 h e de 16 a 19 h.

 

As prazas para asistir á ruta no autobús son limitadas.

 

powered by social2s

A celebración esta fin de semana Feira do Románico de Negreira obriga a cortar o tráfico desde a tarde de hoxe xoves na Carreira de San Mauro.

 

O principal desvío alternativo será pola zona de Abeanca e A Chancela para os vehículos que procedan das estradas de Outes, Pontenafonso e Urdilde, así como á inversa en sentido saída do centro urbano negreirés.

 

O segundo desvío alternativo será a través do núcleo de Vilachán de Abaixo, pero unicamente en sentido de baixada cara ao campo da feira.

 

Ademáis este ano o concello ten a intención de pechar ó trafico a Rúa do Carmen dando espazo o maior número de postos dos comerciantes.

 

En previsión de informar á veciñanza e visitantes, o Concello xa instalou carteis informativos nas zonas onde estará prohibido aparcar. Habrá varias zonas na contorna da feira, e este ano como novidade tamén no tramo final da Rúa Cidade Vicente López.

 

O corte na circulación da Carreira de San Mauro será efectivo ata o vindeiro luns ao mediodía, unha vez conclúan os traballos de limpeza viaria da contorna do pazo do Cotón.

powered by social2s

romanico270819

Do venres 30 de agosto ao 1 de setembro, Negreira volve ó medievo coa celebración da decimo terceira Feira do Románico que nesta ocasión contará con diferentes iniciativas por parte do concello e dos colectivos participantes.

 

Entre as novidades deste ano o Centro de Información a Muller de Negreira (CIM) vai a habilitar un “Punto Lila Informativo” e de acompañamento a mulleres víctimas de agresións machistas. Estará activo o sábado pola tarde e contará con monitoras especializadas que repartirán folletos informativos e material da campaña “Non a Violencia de Xénero”.

 

Doutra parte a Asociación de Amas de Casa de Negreira decidiu organizar un rastrillo solidario aproveitando estes días de festa para recadar aportacións de cara axudar ás familias máis necesitadas da vila.

 

Tamén este ano a Banda Ateneo de Negreira, participará na feira coa intención obter fondos para o intercambio musical que realizarán o curso que ven coa Banda de Astorga.

 

Reunión informativa.

 

Por parte do concello, informan de que o mércores día 28 ás nove da noite terá lugar no vello auditorio da Casa da Cultura unha reunión dirixida aos comerciantes e personas da vila que busquen acceder a postos na feira. A intención é a de indicarlle a normativa que deberán seguir para o correcto funcionamento dos postos.

 

Está confirmada tamén a ampliación dos horarios dos servizos de hostalería da vila nunha hora máis do que as súas licenzas permiten, para así fomentar o ambiente festivo.

 

 

powered by social2s