O Concello da Baña como promotor do Obradoiro de emprego dual “MAIS2020”, xunto cos concellos de Negreira, Santa Comba e Val do Dubra, é beneficiario dunha subvención por parte da Consellería de Emprego e Igualdade para a realización dun obradoiro de emprego para persoas maiores de 18 anos, para 20 alumnos/as traballadores/as, distribuídos nas seguintes especialidades formativas; Limpeza de espazos abertos e instalacións industriais (SEAG0209) con 12 alumnos/as e, de Pintura decorativa en construción (EOCB0110), con 8 alumnos/as.

 

Este programa de emprego terá unha duración de 9 meses, e a preselección de alumnos/traballadores farase na Oficina de Emprego Santiago Norte, onde serán preseleccionados aquelas persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego; e teñan solicitado algún dos seguintes servizos: Escolas Taller (320), Casa de Oficios (330), Taller de Emprego(340), Outro programas de emprego formación dual (370) e 699 suspensión específica programas experimentais de emprego.

 

Aquelas persoas interesadas en participar neste programa como alumnado e que aínda non estean inscritas nos devanditos códigos poderán facelo ata o día 24 de novembro de 2020 (incluído), dirixíndose á citada oficina a través das seguintes canles:

 

- Na oficina, pedindo cita previa no seguinte enlace: https://emprego.xunta.es/citaprevia/

 

As persoas interesadas en participar no Obradoiro de Emprego “MAIS2020” como persoal directivo, docente ou administrativo de apoio terán que figurar na oficina de emprego solicitando esas ocupacións ou anotarse nas mesmas ata o día 24 de novembro de 2020 (incluido), no enlace: https://emprego.xunta.es/citaprevia/ .

 

Para máis información sobre este proceso poñánse en contacto coa Oficina de Emprego Santiago Norte.

 

powered by social2s

Infórmase que a partir do mércores día 11 de novembro vai estar aberto o procedemento de solicitude de axudas PEL-Reactiva para autónomos e microempresas afectadas pola pandemia da Covid-19, co apoio da Deputación da Coruña e mailo Concello de Negreira.

 

Este procedemento ten por obxecto xestionar e controlar as axudas solicitadas polas persoas autónomas e microempresas para paliar o impacto económico e social ocasionado polo Covid-19 e cuxo prazo remata ás 14:00 horas do mércores día 25 de novembro de 2020.

 

A presentación de solicitudes farase exclusivamente a través da Sede Electrónica do Concello de Negreira, accedendo a través do seguinte enderezo:

 

https://cutt.ly/GgL99Sl

 

powered by social2s

Co gallo da conmemoración do próximo 25 de novembro "Día da loita contra a violencia de xénero", a Deputación da Coruña pon en marcha unha campaña online e colaborativa baixo o lema: "De fronte á violencia de xénero", á que poden adherirse entidades públicas e privadas que conta cun programa de actividades online, dirixido a público infantil, xuvenil e adulto, e apela directamente á participación e implicación social. Na web defronte.gal podes seguir a campaña e adherirte a ela, así como na web e nas redes de FacebookYou tube e Twitter da Deputación da Coruña.

 

Mediante esta campaña procúrase promover a creación dunha rede de administracións locais e entidades sensibles e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero, xerando sinerxías entre elas, coa propia Deputación, e co resto da sociedade. Entre os seus obxectivos tamén se encontra a sensibilización social fronte á violencia de xénero, así como fornecer de recursos accesibles ou apoiar a diversificación da oferta de actividades socioculturais relacionadas coa igualdade de xénero.

Programa

Contaremos con tres palestras informativas, un concurso de desafío poético, unha actividade colectiva de papiroflexia e un contacontos.

 

A partir do día 4 de novembro se ofrecerán online e en aberto tres conferencias que abordarán a violencia de xénero desde diferentes perspectivas, como o da mocidade, da man de Vanessa Rodríguez Pousada, das tecnoloxías da información, con Sara Vierna Fernández, e dos medios de comunicación, con Ana Sanmartín López.

 

Desafío poético, é un concurso que se desenvolverá entre o 4 e o 26 de novembro e que consiste en compartir en Facebook ou Twitter un texto poético, propio ou non. O premio serán tres bonos de 60€ para gastar en librarías da provincia.

 

Entre o 9 e o 15 de novembro desenvolverase unha actividade, guiada por Palmira Castro, de narración poética para todas as idades, conxuntamente cunha acción colectiva de origami nas redes sociais.

 

Para público infantil e familiar, ofrécese "Contos de nenas grandes e pequenas", unha produción de Marta Ortiz e Brais das Hortas, en aberto do 23 ao 29 de novembro.

 

Por último, a campaña verase reforzada por oito pequenos vídeos onde diferentes persoeiros da cultura galega recitarán versos contra as violencias machistas.

 

Lembrade que podedes compartir nas redes a campaña, así como a vosa participación, a través do cancelo #defronte.

powered by social2s

O Concello de Negreira inviste 303.194 euros do Plan Único (POS+2019), financiado pola Deputación da Coruña, nun ambicioso proxecto de reurbanización e humanización da praza das Brañas. As obras están en fase de licitación ata o 23 de novembro.

 

As obras incluirán a construción dunha cuberta de chapa de aceiro para o parque infantil da praza, co obxectivo de protexer das inclemencias meteorolóxicas e da acción do sol aos nenos e nenas que xogan neste espazo.

 

 

Dentro das actuacións, tamén se proxecta o axardinamento da área de zonas verdes, coa finalidade de eliminar o terreo de grava existente e dotalo de especies vexetais urbanas coa plantación de árbores coma tilos, tuyas, rododendros e magnolios. Á súa vez, instalaranse tres pérgolas vexetais, céspede, unha fonte recuberta de pedra garnítica e un sistema de rego automático.

 

Tirolina

 

Na área norte da praza, colocarase unha tirolina, con solo especial para amortiguar caídas, e pintaranse xogos tradicionais no chan, coma o tres en raia ou a "rayuela". Nesta área tamén se procederá á prantación de árbores.

 

"As obras suporán unha importante mellora estética e unha aposta pola humanización da praza, que se ubica na zona máis poboada de Negreira", segundo o alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, quen destaca que a cuberta do parque infantil, a creación de zonas verdes e a instalación de novo mobiliario urbano contribuirán a facer un entorno idóneo para o tempo de ocio para a veciñanza.

powered by social2s

O Concello informa que o número de casos activos pola pandemia sanitaria en Negreira é a día de hoxe, e segundo datos proporcionados polas autoridades sanitarias, de 11 casos activos, cun incremento de seis novos contaxios na última semana e polo cal, o noso concello atópase actualmente no nivel de alerta 1 (cor amarela), con entre 7 e 14 casos detectados nos últimos sete días, a través das probas PCR que Sanidade está a facer entre a poboación.

 

Lémbrase á cidadanía a importancia de manter as distancias de seguridade, a hixiene de mans e mailo uso de máscara en todos os ámbitos, con especial chamamento nas xuntanzas de amizades e familiares, que a Xunta ampliou esta semana a un máximo de seis persoas non conviventes naqueles concellos que coma o noso, non están suxeitos ás novas restricións.

 

Unha vez máis debemos apelar á responsabilidade individual para conter o avance da nova enfermidade e así, evitar a súa propagación entre a veciñanza do noso concello, sobre todo aquela de maior risco polas súas patoloxías e idade.

powered by social2s