20190803131211 IMG 0428 Negreira

O sábado 3 de agosto de 2019 tivo lugar a primeira das rutas programadas no Verán no Tambre 2019, que organizan os concellos de Negreira, Val do Dubra e A Baña.

 

Un total de 53 persoas gozaron da paisaxe e do patrimonio natural, arquitectónico e etnográfico de Negreira nos 15,5 Km de ruta guiadas polo persoal da área de turismo. Ás 09:00 horas partimos do campo da feira, onde atopamos o Pazo do Cotón e a Capela de San Amaro, divididos pola carreira de San Amaro, antigo Camiño real, e ao mesmo tempo unidos pola tripla arcada que sostén a galería superior.

 

O camiño lévanos polo paseo fluvial do río Barcala, variante alternativa moi recomendable para os peregrinos que saen de Negreira cara Fisterra e Muxía. O Barcala, un dos principais afluentes do río Tambre, condúcenos ao refuxio de Covas, histórico lugar de refuxio para os pescadores que se achegaban ao lugar, e hoxe convertido nunha paraxe única para desconectar do mundo urbano. Saímos do río Barcala para achegarnos ao Albariña e pasar polo complexo lúdico-deportivo de Pedra Mámoa, bordeamos os límites entre A Baña e Negreira e entramos na subida ao monte Bergando, principal desnivel de toda a ruta.

 

Despois de chegar á zona máis elevada do traxecto, comezamos a descender cara a pequena aldea de Fontemirón, ollamos ao lonxe Portor e continuamos a baixar por unha carballeira de lendas e historias ata chegar a Ponte Maceira. O Pazo de Balandrón, a Ponte Vella, a capela de San Brais, os muíños, cruceiros, hórreos e pombais e, en xeral, todo o conxunto histórico artístico que forma este núcleo namora aos visitantes de por vida.

 

A continuación, seguimos o Camiño ao paso dos peregrinos que nos leva cara a Barca e Chancela para atopar o Pazo de Albariña co seu impoñente recinto; entremos na vila de Negreira e rematamos a xornada coa sombra das árbores do paseo da Restreva ata o lugar de inicio.

 

O programa Verán no Tambre 2019 completarase coas rutas do Remuíño, o 10 de agosto dende Portomouro (Val do Dubra), e da Ribeira do Tambre, o 17 de agosto dende a área recreativa de Fiopáns (A Baña).

powered by social2s

A premiada compañía Pistacatro presenta unha aventura de circo e humor, este venres 2 de agosto, ás 21.00 horas, na segunda cita este verán co programa "Cultura a pé de rúa", na praza do Concello.

 

Moni Mundana é unha exploradora moi despistada na procura dun tesouro, o que lle fará percorrer medio planeta nunha divertida aventura para toda a familia, chea de emoción, humor e circo. Unha viaxe inesquecible desta exploradora curiosa, tenra e divertida, que nos ensinará que viaxar non é só cambiar de lugar, tamén serve para converternos en mellores persoas.

 

Pistacatro quere achegar a espectacularidade do circo ás rúas, nun espectáculo para todas as idades que mistura o clown, a acrobacia aérea, os números de lume, os malabares, a percusión, a danza africana e a participación directa do público. A través dunha linguaxe visual e sen palabras, descubriremos que non somos tan distintos os uns dos outros.

 

Duración: 45 minutos

 

powered by social2s

Achegamos os datos conseguidos gracias ás estatísticas de solicitantes de información na caseta de turismo do concello.

 

Con esta información podemos averiguar non so cantas persoas pasaron pola caseta de información do concello de Negreira nos últimos catro meses, senón tamén de onde veñen, cantos anos teñen e cal é a súa motivación.

 

En abril o total de persoas foron 735, cun 54% procedentes do estado español, seguido en importancia por Portugal, Alemaña, Italia e Francia. En maio, atendéronse 1.045 persoas, cun 32% procedentes do conxunto de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal.

 

No mes de xuño pasaron pola caseta de información turística un total de 1.381 visitantes, cun 42% do conxunto de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal.

 

En xullo, a falta de tres días para que remate o mes, foron atendidas no punto de información 1.064 persoas, das que o 53% viñeron do territorio español, seguido de Italia, Francia, Alemaña e Irlanda.

 

Polo xeral, a meirande parte das persoas solicitan o selo da credencial e piden información sobre o Camiño e o aloxamento.

 

Os países emisores que máis presenza adoitan ter despois de España son Italia, Alemaña e Francia, mentres que as provincias con maior protagonismo son Madrid, Barcelona e a propia provincia da Coruña.

 

Arredor do 90% das persoas atendidas viñan a pé facendo o Camiño; o resto de visitantes repártense principalmente entre as que fan o Camiño en bicicleta e as persoas que viaxan en medios de transporte a motor.

powered by social2s

Rematou o obradoiro de emprego “Xallas-Barcala-Dubra IV”, un proxecto mixto de emprego e formación subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e, cofinanciado polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, e promovido polo Concello de Negreira, conveniado cos concellos de Santa Comba, Val do Dubra e A Baña.

 

O acto de clausura desenvolveuse hoxe no Auditorio do Centro Sociocultural, coa asistencia dos catro alcaldes: Manuel Ángel Leis Míguez (Negreira); David Barbeira García (Santa Comba); José Manuel Varela Ferreiro (Val do Dubra), e José Antonio Pereira Gil (A Baña), quenes estiveron acompañados polo xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Isidoro Martínez Arca.

 

Este obradoiro de emprego foi dirixido a mellorar a ocupabilidade de 20 persoas desempregadas de ditos concellos, cinco alumnos de cada un deles, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

 

O obradoiro de emprego tivo unha duración de 9 meses no cal se impartiron 2 especialidades: Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, con 12 alumnos, e Promoción turística local e información ao visitante, con 8 alumnos, impartíndose ademais formación complementaria en materia de prevención de riscos laborais, xestión empresarial, alfabetización informática, formación para a igualdade e sensibilización ambiental.

 

Os alumnos/as-traballadores/as da especialidade de operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción realizaron un total de 10 actuacións, que son as seguintes:

 

•No concello de Negreira executouse o mantemento do local social de Covas, o mantemento do local social de Campolongo, o mantemento da fachada da Casa da Cultura e a realización de beirarrúas na zona de Campos a Pedra Mámoa.

•No concello da Baña executáronse actuacións de mellora no local social da parroquia de Corneira e actuacións de mellora no local social e antiga escola da parroquia de Ordoeste.

•No concello de Santa Comba executáronse actuacións de mellora no Centro de Formación Escola-Obradoiro do concello.

•No concello de Val do Dubra executáronse actuacións de mellora na Casa da Cultura, na gardería e no Centro de Formación do concello.

 

Os alumnos/as-traballadores/as da especialidade de promoción turística local e información ao visitante realizaron actuacións de promoción e divulgación turística dos catro concellos, así como labores de información ao visitante, entre as que destacan:

 

• Colaboración cos departamentos de Cultura dos catro concellos.

• Promoción dos catro concellos a través do programa de radio “Viaxa con nós”, en Radio Negreira 107.0 FM, así coma nas redes sociais Facebook, Instagram e Twitter.

• Creación dun banco de fotos e de fichas/inventario do patrimonio dos catro concellos.

• Elaboración de carteis promocionais do entroido de Santa Comba e Val do Dubra.

• Colaboración na presentación da XVI Festa da filloa do concello de A Baña, nas Feiras do Abril do Concello de Val do Dubra, etc.

• Planificación e organización do concurso de “receitas do entroido” e da VIII Ruta das Tapas do concello de Negreira.

• Colaboración no punto de información turística do concello de Santa e de Negreira para promocionar os catro concellos.

• Realización de visitas teatralizadas na Casa do Pozo do Concello de Santa Comba.

• Elaboración de folletos informativos dos catro concellos.

 

powered by social2s

Os concellos de Negreira, Val do Dubra e A Baña organizan un programa de rutas de sendeirismo arredor do río Tambre, para mergullarse na natureza, a historia e as incontables paisaxes da contorna.
O 3 de agosto, sairemos da praza da feira para percorrer a Ruta dos tres Pazos, con 15,5 Km circulares, pasando polo paseo fluvial do río Barcala, o refuxio de Covas, a eterna Ponte Maceira e os tres grandes pazos que hai no concello: o do Cotón, o de Balandrón e o de Albariña, todos eles a pouca distancia do Tambre.

 

O 10 de agosto presentamos a Ruta do Remuíño, con 13 Km entre ida e volta; partimos do colexio de Portomouro (Val do Dubra), para subir río arriba pasando a ponte de Portomouro, a pequena aldea abandonada de As Novais e a súa vella capela, bosques autóctonos e a histórica fábrica do Remuíño, pioneira da nosa zona na transformación da enerxía hidráulica en electricidade a mediados do S. XX.

 

O 17 de agosto, xuntarémonos na área recreativa de Fiopáns (A Baña) para facer a Ruta da Ribeira do Tambre cos seus 11 Km entre ida e volta. Subindo o río ao deixarmos atrás o Portalaxe coas súas pontellas, percorreremos camiños de pescadores e de labregos, e deixarémonos levar por un inmenso bosque de galería con carballos centenarios e muíños que contribuíron a escribir a nosa historia.

 

As saídas serán ás 09:00 e cómpre inscribirse previamente na caseta de turismo da avenida de Santiago de Negreira, telf.: 650 796 956 (para calquera das tres rutas); no Concello de Val do Dubra, telf.: 981 889 000 (para a ruta do Remuíño); ou no Concello da Baña, telf.: 981 886 777 (para a ruta da Ribeira do Tambre).

powered by social2s