Trataranse diversos aspectos coma Xeografía, Historia, Arte, Economía, Etnografía, poboación ou personaxes, das 33 parroquias que conforman a comarca de Barcala. Tómase como referencia o libro Xente e Terra de Xallas. Letras da mocidade, editado polo Concello de Santa Comba en 2002, coa autoría do alumnado de bacharelato do instituto Terra de Xallas, baixo a dirección dos profesores Amancio Liñares e Antonio Puentes.

 

O director do IES Xulián Magariños, Adelino Pose Reino, e mailo profesor de Historia, X. Amancio Liñares Giraut, explicaron en Radio Negreira (107.0 FM), o interesante que resulta para o centro este proxecto, cuxos autores serán os alumnos de Historia, de Primeiro e Segundo de Bacharelato do Xulián Magariños, coordinados polos profesores: Nuria Araúxo García; María Blanco Crespo; X. Amancio Liñares Giraut e María Rey Rey, dos departamentos de Lingua Galega e de Xeografía e Historia.

 

As presentacións do libro correrán a cargo do director do centro, Adelino Pose Reino, e dos coordinadores e, contarase con ilustracións de ex alumnos, vinculados aos campos profesionais do debuxo, da fotografía ou das Belas Artes.

O libro será editado polo instituto barcalés e, a intención é presentalo a finais do presente curso académico, para o cal buscarase o financiamento preciso en institucións e entidades, para homenaxear ó conxunto das parroquias barcalesas, a través da investigación e da escrita da mocidade que cursa bacharelato.

 

O proxecto conta ademáis coa colaboración da profesora e escritora Fina Casalderrey, membro da Real Academia Galega. Ela será a encargada do limiar. 

0
0
0
s2sdefault