O Concello de Negreira brindoulle hoxe unha recepción oficial a Óscar Quintana Lourido, o Mellor Camareiro do Ano 2016 en España, ao gañar a final deste certame no Salón ‪‎Alimentaria, o pasado 28 de abril, en ‪‎Barcelona.

 

Óscar, natural da aldea de Bellalta, na parroquia de Liñaio, séntese orgulloso dos seus inicios e, aceptou este convite para no seu día libre como xefe de sala no restaurante Culler de Pau, cunha estrela Michelín, no Grove, achegarse a Negreira, onde foi felicitado polo alcalde, Jorge Tuñas Caamaño, e mailo concelleiro de Obras, Urbanismo, Parques e Xardíns, entregándolle unha figura polos éxitos na súa dilatada carreira como profesional do sector da restauración, especializado na atención ó cliente na sala. Todo un recoñecemento para quen demostrou selo mellor en tres elementos básicos que debían demostrar os catro aspirantes: Coñecemento do sector; destreza técnica e habilidades de comunicación.

Óscar Quintana achegouse tamén aos estudos de Radio Negreira para falárnos da súa recente conquista no concurso Mejor Camarero do Ano 2016, e onde destacou da súa profesión, especialmente «a capacidade de transmitir felicidade e de mostrar os grandes valores da arte do servizo; a xenerosidade, a hospitalidade, a amabilidade, a cultura do detalle, o sorprender ao cliente e o facer que se senta especial e único».

O concurso Camarero del Año é unha iniciativa que pretende poñer en valor e mostrar non só as destrezas dos profesionais, senón tamén «ese valor engadido adaptado ás demandas do mercado actual que aporta o profesional», segundo él mesmo salientou na entrevista ofrecida á emisora municipal. 

0
0
0
s2sdefault